Site icon Crónica3.com A Mariña

Armada: “É un abuso que a Deputación lle impoña ao Concello unha taxa polo saneamento de Trasbar cando esta obra se inclúe nun plan provincial”

Cervo, 18 de setembro de 2013-A edil de Obras, Pilar Armada, cualificou de “indecencia” que a Deputación de Lugo lle “impoña” ao Concello o pagamento de 2.200 euros en concepto de taxa no saneamento de Trasbar “cando esa obra se inclúe no POS, o Plan de Obras e Servizos da Deputación”.

“Se o plan é da Deputación, cobrarlle unha taxa a todos os veciños de Cervo é un insulto” explica a edil, que denuncia que “na teoría o POS é un plan de colaboración do Goberno Provincial pero, na práctica, nós pagamos e eles se limitan a facerse propaganda”. Neste sentido, Armada lembra que o Concello achega case o 70% do custo, uns 27.300 euros, e a Deputación os 12.700 euros restantes.

“A Deputación a penas pon cartos, imponlle unha taxa aos veciños de Cervo de 2.200 euros e aínda por riba fannos poñer un cartel de propaganda do Goberno provincial” denuncia Armada. “Está claro que non lles preocupa en absoluto o saneamento, só buscan publicidade e investir o menos posible”, engade.

A edil de Obras explicou que no seu momento o Concello xa reclamara á Deputación que se fixese cargo da taxa, obtendo unha “ameaza” como resposta, de forma que “se o Concello non pagaba a taxa, as obras non se podían realizar”. Por iso, o Concello, “vendo que a obra estaba en perigo” optou por facer o pagamento “aínda que non nos corresponde porque o plan non é noso”. Deste xeito, o Concello solicitoulle agora á Deputación a devolución dos cartos e, desa forma, “que se faga cargo das súas responsabilidades e dos seus gastos”.

Exit mobile version