Site icon Crónica3.com A Mariña

As pícar@s da Mariña poderán estudar chinés

Ribadeo, 23 de setembro 2013.- O chinés é o idioma chave para o futuro. Para o ano 2020 agárdase que China sexa a primeira potencia económica do mundo. A maior parte da inversión mundial irá a China e empresas de todo o mundo establecerán alí as súas bases. Por todo isto, a persoa que fale chinés terá unha grande vantaxe sobre as que só falen inglés. “Se falas chinés, ademais de inglés, serás un profesional buscadísimo”, apuntan todos os analistas.

A pesar disto, a dificultade para encontrar docentes desta lingua en España é un dos hándicaps para o seu estudo. Non é o caso da Mariña lucense, xa que o Espazo de Aprendizaxe e Creatividade Pedagóxica MAUmarela!, ubicado en Ribadeo, retomará este curso as clases do idioma asiático. “O curso pasado houbo sete alumnos, de entre 3 e 12 anos; foi unha experiencia piloto que nos serviu para darnos conta do axiña que collen os pícaros o idioma e a facilidade coa que aprenden a debuxar algúns dos ideogramas”, afirma Guillermo Hernández, coordinador de Formación de MAUmarela!

A profesora, Chen Wu, é nativa residente en Ribadeo. O nivel do curso é de iniciación, malia que cada alumno ou alumna poderá ir avanzando ao seu ritmo. “Completaremos a nosa oferta cun blog, onde colgaremos vídeos cos contidos de cada clase, de xeito que se poida estudar e repasar na casa durante toda a semana”. A pronuncia é o máis difícil do idioma, xa que unha pequena diferencia na entona cambia o significado das palabras. Pola contra, en chinés as palabras non teñen xénero, nin número. Por iso, en canto a morfoloxía gramática, o chinés resulta máis simple có inglés ou o có español.

Os materiais didácticos están deseñados por MAUmarela! “Estamos adaptando os cursos de maneira que os alumnos que o desexen se poidan presentar, nun momento dado, ao exame internacional estandarizado de nivel de chino HSK”, sinala Guillermo.

Non hai que esquencer que o chinés, ademais de ser un idioma interesantísimo, axuda a que @s máis pequen@s desenvolvan a capacidade de artellar diferentes maneiras de estruturar a linguaxe e de pensar.

Exit mobile version