Site icon Crónica3.com A Mariña

Ata o 24 de setembro permanecerá aberta a mostra de pintura afeccionada Ribadeo 2013 na que participan 16 ribadenses

180913 Foto pintura afeccionada 1Ribadeo, 18 de setembro de 2013. Ata o 24 de setembro está aberta na sala de exposicións da antiga oficina de turismo a exposición de pintura afeccionada na que se poden ver as obras realizadas por 14 mulleres e 2 homes de Ribadeo. A mostra foi inaugurada na tarde de onte pola concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra.

A edil nacionalista sinalou que “ata o 24 deste mes todas as persoas que queiran poden contemplar na sala de exposicións da antiga oficina de turismo o traballo dos pintores e pintoras afeccionados da nosa vila, homes e mulleres que ao longo de todo o ano van a clases, participan e comparten o seu gusto pola pintura”.

Álvarez Lastra indicou que “son pintores e pintoras afeccionadas, entre comiñas, porque unha vez que vemos as obras pouco a pouco se van convertendo en profesionais e non teñen nada que envexar a outras persoas que se dedican ao mundo artístico”. Os artistas que expoñen os seus traballos en Ribadeo son: Amparo Muruais, Betty Sing, Digna Rañón, Covadonga Chaso, Nieves González, Pancho Campos, Lola García, Maruja Andina, Mery Castro, Antonio Saavedra, Rosario Pelegrín, Luisa Braña, María Trabada, Mª Carmen Maseda, Carmen López e Sara Rodríguez.

A concelleira de Cultura tivo palabras de agradecemento “para o voso traballo e a vosa disposición para cedernos as vosas obras e que poidan estar aquí, completando así un pouco máis a programación cultural do Concello de Ribadeo. Sempre tivemos a idea de traer cousas de fora, como non podía ser doutra maneira, pero tamén de potenciar aos artistas locais. Vós sodes artistas nunha faceta que vos gusta, dedicades o voso tempo libre e de ocio a el e queremos agradecervos ese traballo e que agora estes días todo o mundo poida contemplalo nestas instalacións. Agradecer desde a xente máis noviña, como Sara, a outras persoas que levan máis tempo metidas na pintura”.

Mariluz Álvarez Lastra engadiu “agradecemento non só por cedernos a obra, senón por colaborar con nós no seu coidado porque ás veces facer as exposicións ten a contrapartida de que hai que mantelas abertas, evidentemente, e nós poñemos todo da nosa parte, pero tamén necesitamos da vosa colaboración para que os custes económicas sexan os menores. É unha maneira altruísta e voluntaria de colaborar no seu coidado e na apertura da sala durante estes días de setembro”. E rematou a súa intervención convidando “a toda a xente de Ribadeo e aos que nos visitan estes días a que se acheguen a contemplar esta exposición”.

A mostra de pintura afeccionada pode visitarse na sala do parque de San Francisco ata o vindeiro 24 de setembro de 12 a 14 horas e de 19 a 21 horas.

Exit mobile version