Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro valora que Veiga rectifique e non inclúa a moción sobre incendios no vindeiro pleno provincial

BalseiroLugo, 20 de setembro de 2013.- O secretario xeral do PPdeLugo e portavoz de Montes do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, valorou este venres a rectificación de Antón Veiga e do Bloque Nacionalista Galego tras ter renunciado a levar ao vindeiro pleno provincial unha moción na que criticaban a política actual da Xunta en materia de loita contra os incendios forestais.

Os populares atribúen o cambio de postura dos nacionalistas a unha rectificación que vén arrastrada pola contundencia dos datos achegados polo Partido Popular que demostran que non só non existiron recortes no dispositivo humano e material de extinción, senón que incluso se incrementou o número de brigadas e traballadores, que ademais actuaron dun xeito moito máis efectivo, apagando o 76% dos lumes antes de que chegaran a unha hectárea.

Balseiro espera que os nacionalistas tamén renuncien a levar a moción sobre incendios aos concellos da provincia dado o ridículo de manter as críticas do BNG á xestión da actual Xunta. Lembra que precisamente os nacionalistas son os que teñen tras de si un proceder caótico neste ámbito, cando en 2006, en plena vaga de lumes foron os responsables de facer recortes no operativo con reducións dun 34% nos medios humanos, un 30% nos helicópteros ou coa cancelación do convenio con Defensa.

Finalmente Balseiro salientaba o ridículo do argumento empregado por Antón Veiga que, criticaba a plantación de eucaliptos e outras especies de crecemento rápido atribuíndolle un maior risco incendiario cando, como veciño da Mariña debera saber que esta é a comarca do conxunto de Galicia con menos incendios a pesar de que nela abundan este tipo de plantacións.

Exit mobile version