Gómez Besteiro, que alabou a xestión de municipios como o de Oroso, destacou que “os datos son aplastantes e desmoronan ese papel de gran xestor que pretende interpretar o presidente da Xunta; a dereita non xestiona mellor e ademais afúndenos máis na crise, someténdonos a uns recortes sen saída porque non ten un proxecto de país”. O socialista lembrou que “precisamente son os concellos os que están a realizar un maior esforzo e os que melloran os datos de déficit público”, polo que “a dereita de Feijóo ten que render contas e explicar por que Galicia cada vez vai a peor mentres a débeda non deixa de subir a unha velocidade moi preocupante”, un 23% só no último ano. “Nin desprazando facturas por 491 millóns de euros nos últimos anos, como denunciou o Consello de Contas, son capaces de distorsionar o resultado, non hai maquillaxe que tape isto”, destacou.
Os datos do PIB agravan a situación
Besteiro fixo referencia, asimesmo, a datos como que mentres a débeda medra, o PIB galego non deixa de caer. Así, en 2009 a débeda supoñía o 8% do PIB da comunidade e agora representa case o 17%, e se antes gastabamos 3 de cada cen euros en pagar a débeda e os intereses, hoxe son 11 de cada cen. “Coa dereita de Feijóo cada vez temos menos marxe de actuación, e xa somos a quinta comunidade de España máis endebedada”, afirma o socialista, que desde a súa chegada á Deputación de Lugo reduciu nun 60% a débeda, case o 20% o pasado ano, “pero incrementando os servizos públicos na provincia e garantindo a cobertura en moitas ocasións de competencias que lle corresponderían á Xunta, que non existe na provincia”. Segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda, a Deputación lucense é a institución provincial galega menos endebedada.