O socialista manifestou afrontar esta cita “con optimismo, ánimo, alegría, e moitísima ilusión” e “disposto a gozar deste día”, que rematará indo á sede do Pino, en Santiago, onde se recollen os resultados da votación e onde explicou que aporveitará para saúdar aos compañeiros e compañeiras que están a traballar nesta xornada. “Disfrutei moito nesta campaña, volvín facer política cos compañeiros e compañeiras de base e confío na militancia nun día de moitísima alegría”, afirmou.
“É unha xornada moi democrática, de participación, e o que estamos a facer os socialistas é adecuarnos aos tempos e á sociedade, cando a sociedade está a pedir máis democracia, máis participación e máis transparencia”, afirmou Besteiro, que explicou que esta mesma mañá quixo chamar por teléfono ao outro candidato antes da votación. “Falei co compañeiro Manel para desexarlle que teña bo día. Teño claro que é o meu compañeiro e que o noso único rival é a dereita dura, insensible e fría de Núñez Feijóo, que con cada acción e coa súa política cada vez fai máis dano a máis persoas”, dixo. “Temos que abrir o partido á sociedade e ser útiles, porque somos máis necesarios que nunca, incluso máis que hai 30 anos”, concluíu.