O Burela FS Pescados Rubén despediuse da pretempada proclamándose subcampión do Desafío Star Center da capital galega, despois de medirse na gran final ao Santiago Futsal (2-0). O cadro mariñán resolveu a semifinal ante o H. Llevant Manacor FS cun gol de Matamoros moi próximo ao descanso; pola súa banda os anfitrións impuxéronse ao Colegios Arenas Gran Canaria 3-2.
O Burela FS tomou a iniciativa en ataque fronte aos santiagueses, que xa antes de chegar ao ecuador da primeira parte se cargaron de faltas. Non obstante, o cadro compostelán soubo aproveitar unha falta ao bordo da área para adiantarse no marcador, cun forte lanzamento de Palomeque (minuto 12). Os de Juanlu buscaron a igualada con acertadas aparicións de Raúl. No minuto 15 puido estar o ansiado empate, nun dobre penalti de Matamoros que botou fóra.
No segundo período, ambas as porterías se resistiron aos asedios rivais. A 3 minutos para o final Juanma saíu como porteiro-xogador; sen conseguir perforar a meta local, foi Quintela quen anotou a 50 segundos para a bucina final cun disparo dende o seu campo.
O Hospital Llevant Manacor obtivo a terceira praza despois de vencer o Colegios Arenas Gran Canaria por 4-3.
A pretempada en números
A escuadra de Juanlu mergúllase na primeira semana de liga despois de completar unha pretempada excelente, na que as lesións respectaron a preparación do cadro. O primeiro rival do Burela FS foi o Vilalba FS, ao que se impuxo 10-0 no Memorial Francisco Javier González Vázquez; en Tapia de Casariego proclamouse campión ante o Azkar Lugo (1-0); os penaltis adxudicáronlle o Memorial Celso Currás de Trabada ante o Santiago Futsal (2-2); en Cedeira, tamén venceu a O Parrulo FS (3-2). En táboas resolveuse o encontro de presentación laranxa co Inter Movistar (2-2). Xunto ao Desafío Star Center, no Memorial Coto Ferreiro da Estrada os burelistas tamén se proclamaron subcampións; gañaron á Estrada FS (1-0) e caeron ante o Santiago Futsal (0-3).
A visión goleadora que xa caracterizou a incorporación de Matamoros en 2012-13 tamén deixou a súa pegada en pretempada, como máximo goleador. Dos 9 partidos disputados polo Burela FS, o madrileño participou en 7 e anotou en 5 encontros, cun total de 9 goles: Vilalba (3), Memorial Celso Currás ante o Santiago (1), presentación ante o Inter Movistar (2), Trofeo Vila de Cedeira co Parrulo FS (2) e Desafío Star Center fronte ao Manacor (1).
Inicio ligueiro
O cadro mariñán comezará o periplo da Liga de Primeira este sábado lonxe da casa, medíndose ao novel Peñíscola FS, de Castellón (18.00 horas). Xota Navarra será o rival dos laranxas para a estrea en Vista Alegre na segunda xornada, que se disputará o venres 20, coa emisión en directo de Energy TV, con novo horario, ás 22.30 horas.
Manacor FS 0-1 Burela FS
Manacor FS: Miguel Medina, Vadillo, Joselito, Manu Orellana, Chicho, no cinco inicial; tamén xogaron Joao, Terrón, Pope, Bruno, Vega.
Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Matamoros, Christian e Antoñito, no cinco inicial; tamén xogaron David, Iago Míguez, Juanma, Álex, Carlitos.
Goles: 0-1, minuto 19, Matamoros
Tarxetas amarelas: Carlitos, minuto 10; Vega, minuto 15; Joselito, minuto 26.
Santiago Futsal 2-0 Burela FS
Santiago Futsal: David, Lucho, Raúl, David Pazos, Diego Quintela, no cinco inicial; tamén xogaron Barroso, Palomeque, Eloy Rojas, Pablo Tallón, Chus, Santi
Burela FS Pescados Rubén: Álex, David, Isi, Matamoros, Antoñito, no cinco inicial; tamén xogaron Edu, Mimi, Iago Míguez, Juanma, Christian
Goles: 1-0, minuto 12, Palomeque; 2-0, minuto 40, Diego Quintela
Tarxetas amarelas: Santi, minuto 8; Christian, minuto 12; Mimi, minuto 20; David Pazos, minuto 24; Iago Míguez, minuto 26.