Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela prevé dúas zonas de solo industrial no PXOM e “así remata cun erro histórico” segundo o alcalde

Burela, 7 de setembro de 2013. O Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Burela que se aprobará o vindeiro luns prevé, segundo manifestou o alcalde, José María González Barcia, dúas zonas de solo empresarial e industrial no termo municipal: unha delas, a zona de O Perdouro, de 158.130 m2 de superficie total, que se considera como solo delimitado e que necesitará desenvolverse logo da aprobación do PXOM. E a segunda zona, a de A Puída, ten unha superficie total de 133.198 m2; está considerado no PXOM como solo non delimitado, e precisará dun Plan Especial para o seu desenvolvemento.

O rexedor burelés declarou que “deste xeito, Burela ponlle fin ó erro histórico de non contar con solo industrial delimitado e definido no seu planeamento urbanístico. Desde décadas se falou deste asunto, e agora péchase definitivamente o debate, porque non contaremos cunha bolsa de solo, senón con dúas, o que da garantías suficientes para que as empresas se poidan asentar en Burela”.

González Barcia sinalou que “a intención de abrir A Puída como solo industrial xa ven da miña etapa anterior como alcalde e co interese dun bo grupo de empresarios locais. De feito, a Deputación de Lugo chegou a facer unha modificación das normas subsidiarias para poder sacar adiante o parque empresarial da Puída. Pero o bipartito de Alfredo Llano, na súa torpeza, non quixo saber nada do asunto. Tanto é así, que pouco antes das eleccións municipais de 2011 a Xunta aprobou o Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais de Galicia, no que non aparecía a zona de A Puída; Llano e o bipartito pasaron de presentar alegacións e tan pronto chegamos ó Concello en xuño de 2011 tivemos que preparar urxentemente a documentación para presentar a alegación e así poder incluír esa zona no Plano Sectorial indicado”.

Barcia engadiu que “de feito, as hemerotecas non menten, Llano dicía que chegaba co Perdouro e que había que facer un gran polígono comarcal, iso sí, fora de Burela, o que sempre me levou a pensar en qué intereses tería Llano para dicir iso repetidas veces”.

No referente ó Hospital da Costa: “a aposta por facilitar en todo momento a ampliación do recinto hospitalario e as súas instalacións está fóra de toda dúbida. Poñemos a disposición da administración sanitaria galega sesenta mil metros cadrados adicionais ós máis de trinta mil xa existentes, unha cifra realmente importante, e ó mesmo tempo modificamos substancialmente o trazado urbano da zona, para facer o tráfico máis fluído e compactar a superficie destinada ó hospital. De feito, a Consellería de Sanidade pediunos por escrito información sobre o terreo dispoñible para a ampliación en novembro de 2011”, explicou José María González Barcia.

O alcalde tamén destacou “que Burela fai, así, un enorme esforzo para poder prestar máis servizos sanitarios e de máis calidade ó conxunto dos cidadáns da Mariña”.

Noutro orde de cousas, González Barcia dixo que “hai algo no PXOM que pasa desapercibido, pero que dentro duns anos será recoñecido como o gran logro que xa é agora, sobre de todo polos propietarios. Baixar a liña de afectación da actual variante, na parte norte, a que da ó mar, de 100 a 25 metros é un logro sen precedentes, xa que significa poñer en valor unha franxa de 75 metros de ancho por 4.100 m de largo, ou sexa, 310.000 m2, en números redondos, que se van poder usar logo de que se fixen os instrumentos de desenvolvemento urbanístico que procedan”.

Segundo indicou o rexedor burelés “coa rebaixa da liña de afectación en 75 metros a zona empresarial de O Perdouro gaña nada máis e nada menos que 70.000m2. E os terreos do hospital pasan a quedar absolutamente desafectados, cando antes parte deles sí o estaban. Todo iso sen contar o bo número de propietarios particulares que antes non podían facer nada nas súas fincas e agora conseguiron dun plumazo que esas fincas pasen a ser cando menos urbanizables, urbanísticamente falando”.

Sobre o posible voto do PSOE no pleno do vindeiro luns, 9 de setembro, González Barcia afirmou que “eles saberán o que fan. O que non poden negar nin eles nin ninguén é que o PXOM supón avances cualitativos moi importantes para o futuro de Burela, avances que se irán vendo paulatinamente; se non os ven, ou non se queren ver, ese non é problema do alcalde”.

Finalmente, González Barcia sinalou que “a partir da aprobación provisional, trasladaremos inmediatamente toda a documentación á Secretaria Xeral de Urbanismo, para que comecen a tramitación para a aprobación definitiva. Nese tramo de tempo, aínda se poden producir algúns cambios, que me gustaría que fosen os menos posibles”.

Exit mobile version