Site icon Crónica3.com A Mariña

Búscanse actores e actrices en Foz

Un novo colectivo teatral, Colectivo Antón Vilar Ponte, vense de constituír en Foz co fin de promover a actividade teatral na vila, un dos poucos núcleos do Concello onde non existe grupo de teatro, pero tamén na perspectiva de que os afeccionados a actividade teatral amador poidan ter un espazo onde desenvolver a súa afección algo que a día de hoxe non era posíbel unha vez que desapareceron os grupos que tiñan a vila como localización.

Segundo explicou o Portavoz do Colectivo, Gonzalo Villarmea, “non é casual que escolleramos como nome da entidade Colectivo Antón Vilar Ponte, posto que Antón Vilar Ponte non só é o gran renovador do teatro galego na primeira década do século XX, o seu grande divulgador, senón que Antón Vilar Ponte mantivo unha reunión permanente coa vila de Foz, na súa condición de veciño, de visitante asiduo e sobre todo, para o que nos interesa, foi nesta localidade onde elaborou a súa obra “A patria do labrego” en 1903 co que se inicia o novo teatro galego, obra que por certo, en palabras do de Viveiro está inspirada no caciquismo que veu e viviu en Foz nas eleccións de 1903. Queremos que fique claro que a elección do nome non é inocente, posto que alén da relación do autor con Foz, estamos diante de toda unha declaración de intencións na dirección de afirmar que tamén en Foz é posíbel facer teatro de vangarda e teatro que poña en valor aos nosos clásicos”.

O Portavoz do Colectivo indicou que “ a curto prazo o noso obxectivo e preparar unha representación teatral e neste sentido facemos un chamamento a todos os veciños e veciñas de Foz que teñan interese en participar como actor ou como actriz na obra de teatro que pretendemos poñer en escea para que se poñan en contacto con nos chamando ao número de telefone 636-03-94-20 tanto a fin de participar con nos na definición da obra teatral a representar como tamén para determinar unha vez escollida a obra determinar o papel máis axeitado á persoa. Pretendemos nesta altura que os afeccionados ao teatro de Foz participen na elección da obra a representar nun primeiro momento e posteriormente na súa escenificación. Agardamos ao fin que o maior número de persoas participen do proxecto, mesmo na perspectiva de poder poñer andar obras diversas en razón da idade e do gusto das persoas que se anoten”.

Xa por último Gonzalo Villarmea afirmou que “o prazo para anotarse para participar na elección e na participación como actor ou actriz na obra a representar sería o 30 de Setembro sendo o número de telefone 636-03-94-20, o número no que a xente interesada debe anotarse sendo totalmente gratuíta a inscrición nesta actividade”.

Exit mobile version