Site icon Crónica3.com A Mariña

Casa-Museo de Manuel María

Inaugúrase mañá en Outeiro de Rei o Museo de Manuel María, na que foi a casa petrucial do poeta: “eu nacín nunha casa moi fermosa/ e, nela, deixei o meu pasado,/ o tempo da nenez, o soño ousado/ e a miña adolescencia tormentosa”, di o vate no libriño dos fermosos “Sonetos á casa de Hortas”. Manuel María mantivo perante medio século (de 1958 ata o pasamento) unha relación moi estreita coa vila de Foz: nela gañou o Premio e Flor Natural nos Xogos Florais celebrados en 1966. Son incontables as veces que “o poeta da Terra Chá”, acudiu para participar nos mais variados eventos: deu os pregóns do San Lourenzo e do Carme; da Feira do Libro; pronunciou conferencias; sobre Foz escribiu numerosos artigos e nalgúns dos seus relatos sitúa aquí o escenario das aventuras; ou simplemente a pasar fins de semana con familia amiga; a Casa da Cultura leva o seu nome e foi aquí onde viviu o derradeiro acto público que protagonizou: foi en abril de 2004.Celebrábase o maratón de lectura que durante algúns anos, arredor do Día do Libro,dedicábase a distintos autores. Nesa ocasión na súa honra. Era venres e aquela tarde, coa súa intervención, dera comezo o mesmo que se prolongaba por vintecatro horas, ininterrompidas, durante as que facían pública lectura de pasaxes da obra as persoas que o desexaban.Había algún tempo que Manuel “andaba coa saúde prexudicada”, según propia expresión, e para o luns tiña cita para unha revisión: así o fixo, descubríndose a doenza irreversible. O poeta retirouse á súa casa coruñesa, camiño da torre de Hércules, da que saía pouco mais que para recibir o tratamento oportuno, e á que a cotío acudían ringleiras de amigos, especialmente xentes do mundo da cultura

Manuel María Fernández Teixeiro, o Poeta da Terra Chá, que por desexo propio, dorme o sono eterno no camposanto parroquial, pretiño da amada Casa de Hortas, agora coa compaña de canto expresa e simboliza toda unha vida inspirada e motivada polo amor á terra. Estamos seguros que o lugar converterase en meca do galeguismo…

suso Fernández

Exit mobile version