Site icon Crónica3.com A Mariña

Centos de persoas asistiron á concentración convocada para denunciar a supresión dunha praza médica no centro de saúde de Ribadeo

Ribadeo, 18 de setembro de 2013. Centos de veciños e veciñas de Ribadeo, persoal facultativo e administrativo, enfermeiros/as do centro de saúde e representantes políticos do PSOE e do BNG e o alcalde, Fernando Suárez, asistiron á concentración convocada pola plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña para denunciar a supresión dunha praza médica no centro ribadense.

O rexedor dixo que “esta foi unha boa proba de que Ribadeo e as súas xentes non se renden nunca, incluso cando as adversidades son malas, como é o caso. Varios centos de persoas acudiron a esta chamada da plataforma en defensa da sanidade pública, que dalgunha maneira estamos a cuestionar a actitude da Consellería de Sanidade á hora de recortar servizos e médicos no centro de saúde de Ribadeo, poñéndonos con menos profesionais dos que podía haber hai máis de 15 anos e ademais cando Ribadeo ten máis poboación que nunca. Isto é algo intolerable e a xente acudiu a esta convocatoria”.

Suárez Barcia explicou que “vin xente de diferentes opinións, pero botei en falla aos representantes, cando menos municipais, do PP de Ribadeo, de quen está a gobernar na Xunta de Galicia, os mesmos que están tan solícitos ultimamente e que saen en tantas fotos. Non sei porque non quixeron vir, igual a súa axenda de traballo non llelo permitiu, pero terán a oportunidade de dar a súa opinión no pleno ordinario da vindeira semana ao que levaremos coma un punto importante na orde do día unha proposta para que a Corporación Municipal lle esixa á conselleira de Sanidade que repoña inmediatamente esta praza de médico en Ribadeo que nunca, nunca debeu desaparecer”.

A concentración desenvolveuse por espazo dunha media hora nas inmediacións do centro de saúde. Unha grande pancarta En defensa da sanidade pública na Mariña se podía ver nas escaleiras de acceso ao centro e os participantes portaban carteis coa frase Recortar non é mellorar.

Exit mobile version