Cervo, 5 de setembro de 2013- A Concellería de Educación, que dirixe Pilar Armada, informa da apertura do prazo para solicitar os bonos de transporte público para estudantes que ofrece en colaboración coa empresa de transportes Arriva. Unha medida de aforro nos desprazamentos da que se pode beneficiar o alumnado universitario e non universitario empadroado en Cervo que curse estudos fóra sempre que esa formación non se imparta en centros educativos do municipio.
Os trámites para obter os bonos, que poden ser de 10 ou 20 viaxes, pódense realizar na Casa da Cultura en horario de mañá. Para iso é necesario achegar unha fotocopia da matrícula dos estudos e do DNI. A edil de Educación lembra que o Concello e a empresa de transportes veñen mantendo esta colaboración dende hai anos posibilitando de forma conxunta que os estudantes do municipio se beneficien de prezos reducidos nas viaxes derivadas da súa formación.
Ao mesmo tempo Armada explica que esta é unha medida complementaria ás subvencións ao transporte que concede o Concello e que consisten nunha axuda económica para afrontar os gastos de desprazamento. A convocatoria xa foi aprobada e sairá publicada no Boletín Oficial da Provincia en breve. Educación informará nese momento dos detalles das axudas.