Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo pon en marcha a Escola de Familias, unha mesa redonda sobre educación e o blog de Educ@cervo

plan_educacionCervo, 19 de setembro de 2013-A Concellería de Educación, que dirixe Pilar Armada, informou hoxe da posta en marcha de novas medidas e actividades incluídas no Plan de Redución do Abandono Escolar. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a responsable de Educación deron a coñecer hoxe o programa, que inclúe varias iniciativas que buscan implicar ao conxunto de colectivos relacionados coa educación de nenos e mozos, como pais e nais, alumnado e profesorado.

Unha das medidas novidosas é a Escola de Familias, uns obradoiros formativos dirixidos a pais e nais nos que poderán aprender a axudar aos seus fillos no proceso de estudo para acadar o éxito escolar. Con ela preténdese que “pais e nais teñan un papel máis activo na educación dos seus fillos e dispoñan das ferramentas necesarias para facelo” explica a edil. A actividade comezará este luns día 23 e desenvolverase todos os luns e mércores de 12 a 13:30 horas na Casa da Cultura de San Ciprián. A inscrición realizarase o mesmo día da asistencia.

Ademais, Educación ten preparada para o día 26, ás 19:00 horas na Casa da Cultura, a mesa redonda “A importancia da familia na educación dos fillos” na que intervirán persoas relacionadas co ámbito educativo, como son membros do departamento de Orientación do IES Marqués de Sargadelos, mestres de infantil e primaria dos CEIP do municipio e representantes das ANPA dos centros educativos cervenses.

Ao mesmo tempo xa está dispoñible o blog de Educ@cervo http://educacervo.com/ no que periodicamente se publicarán as novidades no ámbito educativo de Cervo e que tamén inclúe outras informacións relacionadas. Un blog dirixido ao alumnado, profesorado e familias.

Tamén é importante lembrar que segue aberta a oficina de información e tramitación de bolsas para estudantes na que se axuda aos usuarios coa documentación e presentación das solicitudes, tanto das bolsas de transporte do Concello, como as convocadas polo Ministerio de Educación. Un servizo que está activo ata o 27 de setembro en horario de 9:00 a 13:30 horas na Casa da Cultura. Tamén se pode solicitar cita previa nos teléfonos 691 656 600 e 666 387 850.

Todas estas iniciativas dan continuidade ás xa iniciadas no verán dentro do Plan de Redución do Abandono Escolar que financia a Consellería de Educación nas cales xa se impartiron obradoiros para a mocidade co obxectivo de motivalos a retomar os seus estudos ou buscar unha saída laboral.

“Agardamos unha boa acollida da comunidade escolar con respecto a estas actividades que programamos pensando na mellora da educación e buscando a implicación de todos” explica Armada, que considera imprescindible que “os nosos fillos reciban formación e educación tanto nos centros como no ámbito familiar”.

Exit mobile version