Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo reafirma o seu compromiso de non subir os impostos entre 2013 e 2015

Cervo, 24 de setembro de 2013-O Concello de Cervo reafirmou hoxe o seu compromiso de non subir os impostos nos anos 2013, 2014 e 2015 nin tampouco actualizar as taxas e ordenanzas en base ao IPC, tal e como xa anunciara o ano pasado na presentación dos actuais orzamentos. Unha medida coa que o grupo de goberno pretende “que a situación de crise non repercuta nos nosos veciños” asegura a edil de Facenda, Yolanda Pedreira. Ao mesmo tempo, o executivo local comprométese a manter a prestación dos mesmos servizos e coa mesma calidade que ata o de agora.

Isto é posible grazas á boa situación económico-financeira das arcas municipais, que pechan o exercicio de 2012 cun superávit de 258.000 euros, o que significa que o Concello pode facer fronte aos gastos correntes con fondos propios. Un dato que fala da “estabilidade orzamentaria na que se atopa nos últimos anos o Consistorio cervense” explica a edil.

Estes datos positivos danse en todos os indicadores económicos da Conta Xeral de 2012, como é o caso do remanente de tesourería, que ascende a 1,2 millóns de euros e que permite dispoñer de financiamento adicional para asumir posibles modificacións orzamentarias. Neste caso, a subida con respecto ao exercicio anterior é de máis dun millón de euros. “O saldo positivo do remanente de tesourería non é exclusivo deste exercicio, senón que é sostido no tempo, e iso é o máis importante” explica Pedreira.

Tamén hai que destacar o resultado orzamentario positivo, que ascende a 832.000 euros. Magnitudes, todas elas, que “son o reflexo dunha excelente xestión económica por parte do equipo de goberno” engade a edil de Facenda. Non hai que esquecer que a Conta Xeral será aprobada no pleno deste xoves (20:00 horas) de forma que o trámite se realizará dentro do prazo que sinala a Lei de Facendas Locais “polo que podemos dicir que levamos a contabilidade ao día”. Do mesmo xeito, tamén será remitida ao Consello de Contas en tempo e forma.

Os bos resultados da Conta Xeral tamén permiten ao Concello pagar aos seus provedores dentro do prazos que marca a lei de medidas contra a morosidade e, polo tanto, “cumprimos coas nosas obrigas como administración”. En resumo “temos boa saúde financeira, resultados orzamentarios positivos e déficit cero”, o que se traduce directamente en que “seguimos prestando servizos públicos de calidade e levamos o pagamento a provedores ao día” remata a responsable de Facenda.

Exit mobile version