Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Saúde denuncia a imposición do re-pagamento a medicamentos de uso hospitalario

A CIG-Saúde vén de denunciar a imposición de máis re-pagamento a medicamentos, desta volta a algúns de uso hospitalario, aos que agora o Partido Popular limitan a súa dispensación ás farmacias hospitalarias “condenando aos/ás usuarios/as a facer unha achega económica que antes non existía”.

CIG-Saúde explica que se trata de medicamentos para tratamentos de patoloxías graves e crónicas, como poden ser certos tipos de neoplasias, que antes eran dispensados de xeito gratuíto (ao estaren incluídos nos medicamentos financiados na súa totalidade).

“Agora grávanse coa obriga de re-pagamento mediante achega reducida, cargando máis as xa de por si depauperadas economías daquelas persoas que padecen enfermidades crónicas, incluídas as persoas pensionistas, que tamén están obrigadas a este novo re-pagamento”, denuncian e alertan de que ademais destes medicamentos, estas persoas xa están pagando tamén as outras medicacións ás que o goberno impuxo a obrigación de realizar achegas económicas para poder collelas nas farmacias.

No preámbulo da resolución publicada onte no BOE chégase a expresar dun xeito que raia o “regodeo” a suposta necesidade de impoñer este repagamento: “As características de gravidade e cronicidade das patoloxías en que están indicados os medicamentos que están incluídos no Anexo a esta resolución aconsellan que a aportación por parte do beneficiario sexa reducida pois doutro xeito produciríanse situacións de inequidade por comparación aos medicamentos de aportación reducida que se adoitan dispensar nas oficinas de farmacia”.

Para a CIG-Saúde a imposición deste novo re-pagamento é inadmisíbel e fai un chamamento a parar estas políticas xa que “estes gobernos do PP non teñen límite”.

Exit mobile version