Desde a Concellería de Medio Ambiente, organizadora da programación que se desenvolverá eses días, explican que “o obxectivo da campaña é animar ás autoridades locais europeas a introducir e promover medidas de transporte sostible e convidar aos cidadáns a utilizar alternativas ao uso do coche”.
En total son 359 as cidades participantes na Semana da Mobilidade. En Galicia son 5: A Coruña, Barco de Valdeorras, Ourense, Vilagarcía de Arousa e Burela. Patricia López Eijo sinala que “O Barco participa celebrando unha semana de actividades. A Coruña, Ourense e Vilagarcía organizan unha semana de actividades e adoptando medidas permanentes. E en Burela participamos celebrando unha semana de actividades, adoptando medidas permanentes e tamén celebrando o día da cidade sen coche. Somos un dos participantes destacados nesta campaña xunto a outras 84 cidades españolas, o 24% de todas as que queren concienciar á poboación de empregar menos o coche. Burela é polo tanto o único concello da provincia de Lugo que celebra a Semana Europea da Mobilidade e o único de Galicia que o fai nos tres apartados: actividades, medidas permanentes e día sen coche”.
O lema deste 2013 é Móvete por un aire máis limpo. A edil popular subliña que “as cidades, as vilas limpas son saudables. Un aire libre de impurezas conduce a unha vida máis longa e tense demostrado beneficioso para reducir a probabilidade de problemas respiratorios e cardiovasculares. A contaminación do aire dana o medio ambiente, dando lugar á chuvia ácida, perdida da biodiversidade e a diminución da capa de ozono. Cambiando os nosos hábitos de transporte pódese percorrer un longo camiño para mellorar a calidade do aire urbano”.
Durante toda a semana haberá diversas actividades, que arrincarán o vindeiro luns, 16 de setembro, de 9 a 12 horas cun paseo dende o colexio ata o concello, onde os alumnos de 4º do CEIP Vista Alegre recibirán unha charla de educación vial da man da policía local. Ese mesmo día xa estará instalado o circuíto de karts, que durante a semana e polas mañás estará reservado para asociacións e centros educativos, e polas tardes (de 16:30h-18:30h) e o sábado pola mañá (de 11:00h-14:00h) estará aberto ao público xeral. Será no pavillón dos institutos.
Xa o domingo 22 de setembro permanecerán pechadas ao tráfico de 9 a 22 horas as rúas Pardo Bazán (no treito da intersección das rúas Curros Enríquez e Eijo Garay) e Eijo Garay (no tramo de intersección das dúas Rosalía de Castro de Pardo Bazán. Alí haberá xincanas, un obradoiro de maquillaxe, unha demostración das palilleiras de Burela, xogos deportivos ao aire libre, un obradoiro didáctico e unha merenda saudable, patrocinada pola ACIA, ademais dunha actuación da Asociación Batuko-Raventola. Os/as xogadores/as dos equipos masculino e feminino do Burela FS participarán en Dispara a gol na praza do Concello.
A Concellería de Medio Ambiente agradece a súa participación ás asociacións e centros educativos que estarán presentes na Semana da Mobilidade.