Site icon Crónica3.com A Mariña

Dos delictos e das penas

CADERNOS DA VIAXE. Catro cidadáns galegos veñen de ser condenados pola chamada “Audiencia Nacional” a moi aflitivas penas de cárcere por condutas que, sen dúbida ningunha, son graves e merecentes de sanción penal. A posesión de explosivos nunca é desculpábel. Non existe violencia de baixa intensidade.

Mais as circunstancias da prisión preventiva, do axuizamento e da sentenza son impropias dunha democracia de calidade. A chamada “Audiencia Nacional” que os axuizou naceu o 4 de xaneiro do 1977 para substituir ao Tribunal especial da Orde Pública franquista, que xulgaba os delictos políticos. É un Tribunal especial con xurisdición en todo o Estado que substitúe nos delictos de violencia política aos Xulgados e Audiencias galegas, que son os xuices ordinarios predeterminados pola Lei, polo que constitúe un elemento alleo á pranta xudicial dunha democracia.

Para alén, o afastamento do Tribunal da realidade galega e a súa incardinación no máis politizado e centralizado do sistema xudicial impideulle relativizar elementos que permitirían unha aplicación máis aquelada e proporcional da lei e agravou as penas por mor da militancia independentista dos acusados. Logo dun xuizo no que o Tribunal xulgador limitou substancialmente o dereito fundamental á defensa penal dos acusados, impedindo o desenvolvemento de boa parte das probas de testemuñas e periciais propostas polos seus avogados, a quen tratou con parcialidade e desconsideración.

A sentenza só é recorríbel en casación perante o Tribunal Supremo, o que vulnera o dereito fundamental á dupla instancia penal, xa que só se revisarán feitos con apoio documental e non existirá unha revisión xeral das probas e dos feitos probados. Por outra banda, até de agora, os axuizados foron presos en lugares moi afastados de Galicia, o que vulnera tamén o seu dereito a permanecer no cárcere ou, eventualmente, cumprir pena próximos á súa contorna familiar e vital.

A sentenza,pois, constitúe un exercicio máis de política represiva que de xustiza. Moi probábelmente os axuizados fosen merecentes da cárcere. Mais só despois dun xuizo xusto, condenados polos seus xuices ordinarios e cumprindo penas proporcionadas e orientadas á reinserción preto dos seus fogares.

Xoán Antón Pérez-Lema

Exit mobile version