Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados da Mariña participa na constitución dunha coordinadora galega de afectados e convoca unha charla en Ferreira o mércores

A Mariña, 24 de setembro de 2013. O Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña continua o mércores, 25 de setembro ás 19:00 horas en Ferreira do Valadouro, coa súa campaña informativa sobre o proceso de sancións que a Axencia Tributaría lle está a impor aos emigrantes retornados que cobran pensión de xubilación polo país ao que emigraron e polo Estado español. Neste senso, é necesario destacar que a día de hoxe só unha pequena parte dos emigrantes retornados da Mariña foron multados, con multas que se sitúan nunha contía que rolda entre os 12.000 e os 25.000 euros, sendo maioritario os emigrantes retornados que descoñecen a obrigatoriedade de tributar por este concepto e xa que logo os que saben que se expoñen a unha multa.

O Colectivo de Emigrantes Retornados entende que é necesario actuar en tres frontes, nun primeiro lugar garantindo que aqueles que aínda que non foron requeridos pola Axencia Tributaria poidan regularizar a súa situación o que impediría ter que proceder ao pago da sanción; nun segundo lugar demandamos que o Estado proceda a anular as sancións así como os intereses de demora que lle ven de impor aos emigrantes retornados, xa que aqueles que non pagaron estes impostos foi por descoñecemento das obrigas tributarias e por ausencia de información non por un afán de de defraudar; e xa por último é necesario demandar do Estado unha reforma lexislativa que fixe unha normativa clara que remate coa confusión que fixan os convenios de bilateralidade que marcan regras de xogo distinto en función do Estado de emigración.

Non temos dúbida algunha que atrás desta decisión do Estado español de fixar estas sancións atópase unha vontade recaudatoría que nada ten a ver coa natureza da fiscalidade de redistribuír a renda. Non é de recibo que mentres se proceden a a por en marcha amnistías fiscais para as grandes fortunas que agocharon os cartos no estranxeiro, nos que tivemos que marchar ao estranxeiro posto que o único que nos daba este Estado que hoxe nos multa é fame, sexamos agora tratados como defraudadores e delincuentes. Tampouco é tolerábel esta política que pretende criminalizar a aqueles sectores da sociedade como aconteceu co fraude das preferentes, e agora diante desta nova fraude aprendamos dos preferentistas que o camiño para resolver os nosos problemas é o da mobilización e da loita. Nesta liña é onde sitúa a nova sanción que o Ministerio de Facenda fixa para os emigrantes pola vía do modelo 720 que determina multas de entre 30.000 e 10.000 euros para aqueles emigrantes retornados que tendo bens no estranxeiro que superen en total os 50.000 euros non procederan a facer unha declaración informativa indicando que se é propietario dos mesmos. Neste caso considéranse bens contas, valores, dereitos, seguros, rendas, bens inmóbeis e dereitos sobre bens inmóbeis, entrou en vigor en xaneiro deste ano finalizando o prazo para declarar en marzo de 2013, nos anos anteriores non se declaraba por este concepto, asemade a multa non só afecta a quen non fixese a declaración informativa senón tamén a quen esquecese de incluír algún ben na mesma.

O Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña lamenta que teña que ser un colectivo que nace da sociedade, o que teña que facer esta labor de información sobre a problemática que se está a dar, sen que desde as institucións públicas, a comezar polo Ministerio de Facenda, e os organismos dependentes do mesmo non se proceda a colaborar tanto a hora de informar como sobre todo a hora de regularizar a situación. Así e todo, as persoas afectadas imos seguir a pelexar para dar unha solución a este problema, xunto aos outros colectivos que se están a crear en Galiza, colectivos que na xornada de hoxe imos a constituír unha coordinadora de ámbito galego desde a base que a unión de todos os afectados é a nosa forza e tamén que non estamos dun problema de ámbito comarcal.

Exit mobile version