Site icon Crónica3.com A Mariña

Este xoves estrénase o documental “Non era un soño!” como homenaxe ós éxitos do equipo femenino do Burela FS

Este xoves 19 de setembro preséntase na Casa da Cultura de Burela ás 21h a película documental “Non era un soño!”, na que se narran as vivencias do equipo feminino do CD Burela FS, campión do histórico dobrete na Liga de Primeira División e Copa de España na temporada 2012-2013.

Trátase dun vídeo documental duns 50 minutos no que se suceden entrevistas personalizadas con cada unha das xogadoras, membros do equipo técnico e dirixentes do equipo campión, e que está dividido en varios bloques temáticos:
• Recordos do 11 de maio de 2013
• Como se prepara un partido decisivo
• O primeiro gol marcouno Vista Alegre
• 40 minutos para 1 Liga
• Para un gran triunfo fai falta un gran rival
• A Copa de España: un dobrete histórico
• A afección do Burela FS: o sexto xogador
• A recompensa ó traballo ben feito

A reportaxe inclúe imaxes da retransmisión do partido de Liga en directo pola Televisión de Galicia, da final da Copa de España cedidas polo club Stilo Berrio FK de Bilbao e outras imaxes inéditas de Arracada Produccións de como se viviu aquel último partido de Liga a pé de pista.

Unha das colaboracións máis chamativas é a do coñecido locutor da radio deportiva Pepe Domingo Castaño, seguidor confeso do club burelés, que se prestou a gravar a parte introdutoria da película.

A reportaxe está producida e realizada pola empresa burelesa Arracada Produccións en colaboración con Logaidea Comunicación e co patrocinio de empresas e entidades relacionadas co club: Pescados Rubén, Galipizza Pizzbur-Franquicias, Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense, Armadores de Burela ABSA e Concello de Burela.

Este proxecto audiovisual ideouse nas semanas previas a aquel decisivo último partido de Liga en Vista Alegre, comenzouse a gravar nos días anteriores ó choque e as entrevistas coa plantilla realizáronse nos días que seguiron ó título da Copa de España. Esa é un dos grandes reclamos da reportaxe: a narración en primeira persoa polas propias campioas de Liga e Copa das súas vivencias e emocións naquelas datas.

O obxectivo desta iniciativa é render unha merecida homenaxe ó equipo feminino do C.D. Burela F.S. Pescados Rubén, campión do histórico dobrete que acabou por situar a Burela no mapa deportivo nacional. O que se pretende é axudar a gardar un recordo a partir de agora imborrable na memoria dos seguidores do equipo, dos veciños de Burela e de toda a Mariña de Lugo, outorgando o valor que se merece a uns logros que non se van poder repetir facilmente no futuro.

A entrada ó acto de presentación e proxección do documental é totalmente libre. As copias en DVD estarán dispoñibles a partir da próxima semana na sede do club Burela FS.

Exit mobile version