Site icon Crónica3.com A Mariña

Executadas as melloras na estrada de Góntan a Ferreira do Valadouro, con 240.000 euros da Deputación

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, adiantou este martes o remate do acondicionamento da LU-P-0101, de Gontán a Ferreira do Valadouro. Lara Méndez salientou que “en pouco máis dunha semana, cumprindo cos prazos fixados, executamos estas obras, nas que fixemos un esforzo inversor de 240.000 euros para mellorar ós veciños as comunicacións viarias entre O Valadouro e Abadín, e os accesos a unha importante zona de concentración parcelaria”.

O organismo provincial arranxou o firme da LU-P-0101, aplicando aglomerado en quente en máis de 4 quilómetros e actuando nos puntos que así o requirían, ó tempo que habilitou sinalización horizontal e vertical. Para elo, a institución desprazou á zona unha decena de operarios, ademais da maquinaria necesaria: unha pá estendedora, 6 camións e 2 apisonadoras. Estes traballos complementáronse co Plan de Rebacheo, mediante o cal a institución actuou nos 600 quilómetros provinciais do Valadouro e doutros 11 Concellos da zona, achegando preto de 800.000 euros.

Respostas
Con estas actuacións, a Deputación respostou, “coa máxima axilidade”, a unha demanda dos veciños do Valadouro, que o Alcalde, Edmundo Maseda, trasladou ó Presidente, José Ramón Gómez Besteiro. Foi nun encontro que mantiveron recentemente no municipio, no que Maseda deu conta a Besteiro das “necesidades” do Concello, ás que o organismo provincial, de igual xeito, está dando resposta. Por exemplo, redución de gastos correntes con novo equipamento enerxético mediante fondos europeos do Lug02, acceso á Internet co Satelíz@te ou asesoramento técnico e xurídico cos profesionais da área de Cooperación cos Concellos.

Exit mobile version