Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez asegura que os arranxos no auditorio Hernán Naval son unha boa noticia para a cultura

Ribadeo, 19 de setembro de 2013. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, manifestou esta tarde que as melloras e os arranxos que se realizarán nas instalacións do auditorio municipal Hernán Naval, financiados pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo con 54.000 euros, son unha moi boa noticia para a cultura.

“É unha moi boa noticia para Ribadeo e para a cultura, dado que un dos locais que máis xente atrae, non só do concello senón de toda a comarca, é precisamente o auditorio municipal Hernán Naval, que arrastra problemas complexos desde hai tempo por goteiras e humidades, de climatización, etcétera”, explicou o rexedor municipal ribadense, quen destacou que “agora todo isto vai ser resolto grazas a un convenio co que a Deputación nos vai botar unha man importante por un importe de cerca de 54.000 euros”.

Fernando Suárez engadiu que esta actuación “servirá para resolver as deficiencias e para que a cultura en Ribadeo siga sendo un elemento distintivo e atractivo para tanta xente que ven a Ribadeo, a múltiples cousas pero tamén a ver obras de teatro, concertos e outras actividades e eventos que se celebran ao longo do ano, non soamente na época estival, no auditorio municipal Hernán Naval Parapar”.

O alcalde ribadense fixo estas declaracións despois de visitar o auditorio xunto co vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, quen presentou o proxecto para mellorar as instalacións.

Exit mobile version