Esta última fase deu comezo ás cinco da tarde cunha charla da Coordinadora de Programas de Compostaxe de Adega, María Rguez Lafuente, sobre “como diminuir o arsenal químico das nosas vidas”. O obxectivo desta charla era nin máis nin menos que as presentes tomaran conciencia da multitude de produtos de alta toxicidade que se empregan nos fogares modernos e a grande cantidade de residuos que xeran a súa fabricación e embalaxe. Lafuente recalcou que o perigo non só está ter nos fogares este auténtico arsenal químico senón tamén en que estes produtos rematan nos sumidoiros das casas e nas estacións depuradoras, que non poden tratalos, e polo que rematan entrando directamente no ciclo da auga, co consecuente prexuízo para a saúde de todas e todos.
Logo dunha hora de debate e de práctica impartida sobre as múltiples fórmulas caseiras para facer limpadores ecolóxicos para o fogar ( para os fornos, para a colada, insecticidas, para o distinxido das prendas, para a colada, para as manchas, para a limpeza de mobles….) e unha vez elaborado, por parte de todas as alumnas, un Ecolimpo para a limpeza dos chans e os cristais, as participantes acompañadas pola monitora comezaron a visita dos composteiros obxecto de seguimento polo composteiro artesanal e comunal, sito ao pé do Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente.
Tra-las visitas aos composteiros ubicados nas parroquias de Santo André de Boimente, Chavín e Vieiro, a Técnica Lafuente deulles as últimas indicacións ás usuarias dos composteiros para a correcta extracción do abono orgánico obtido e procedeu á entrega de diplomas de “Mestras Composteiras”. Durante o acto de clausura Lafuente aproveitou para felicitar a todas as participantes no programa de compostaxe e á Asociación Fraga das Saímas pola súa clara e constante aposta por iniciativas de sensibilización e concienciación medioambiental. A presidenta pechou o acto agradecendo a implicación das alumnas neste proxecto e asegurou que o colectivo Fraga das Saímas “…seguiría a traballar pola mellora do Medio Natural, o uso racional dos seus recursos e a aposta por un rural vivo respectuoso e comprometido coa natureza…”
A secretaria do colectivo de mulleres aproveitou para recordarlles ás asistentes a esta xornada que ven de abrirse o prazo de inscrición para participar nas Iª Xornadas Micolóxicas e Gastrónomicas de Cogomelos no Buio, organizados pola asociación Fraga das Saímas, coa colaboración de Estruga, e que vai ter lugar o sábado 26 de outubro de 2013 de 10.00 a 22.00 horas.