Site icon Crónica3.com A Mariña

Gómez Besteiro: “Se son Secretario Xeral, haberá un encontro anual aberto a toda a militancia galega para compartir e debater as propostas das nosas bases”

José Ramón Gómez Besteiro, candidato á secretaría xeral do PSdeG, terá hoxe varios encontros con militantes na provincia de Lugo durante toda a xornada despois de reunirse a primeira hora desta mañá en Santiago con representantes das Xuventudes Socialistas. Este mediodía estivo na sede socialista lucense, onde tivo un encontro con representantes dos grupos de traballo da militancia, que lle entregaron os documentos finais sobre modelo de Estado, económico e fiscal, social, europeo, calidade democrática e partido, propostas que en gran medida xa está a trasladar ao seu proxecto para a secretaría xeral do PSdeG. Besteiro comprometeuse a trasladar este modelo de participación a toda Galicia. “Se son secretario xeral, haberá un encontro anual aberto a toda a militancia galega para compartir e debater as propostas das nosas bases”, afirmou.

Os seis grupos de traballo xurdiron hai oito meses no encontro ‘Partido Aberto, Goberno Aberto’, no que participaran 1.000 militantes de toda a provincia, e que marcou o inicio da carreira de Besteiro cara a secretaría xeral ata a actual campaña. “É unha enorme satisfacción comprobar que hai partido e gañas de aportar, que esta idea foi adiante e que todos os grupos realizaron un traballo que hoxe é xa un documento de moito valor para coñecer máis de preto as ideas e reflexións das bases”, afirmou. Besteiro afondou no aproveitamento do potencial humano do partido e comprometeuse a “facer unha análise de todas as agrupacións para saber con que medios contan e que perfiles profesionais estarían dispostos a aportar coñecemento para mellorar a formación e acción política de cada unha delas”, sempre “para aportar solucións aos problemas de Galicia”.

Iniciativas lexislativas populares
Gómez Besteiro incidiu en medidas como a súa aposta por “facilitar as contribucións da cidadanía” con melloras como “a flexibilización das condicións para presentar iniciativas lexislativas populares”, para o que actualmente é necesario recoller 15.000 sinaturas. “Hai que facer pedagoxía e tamén aplicar de forma efectiva unha rexeneración democrática, ao contrario do que está a facer o goberno de Feijóo. O seu inicio político no castelo de Soutomaior non pode ser máis gráfico: a dereita atópase á defensiva, pechada en si mesma, sen ver o que lle está a demandar a cidadanía. Unha dereita inmóbil e cunha sensibilidade de pedra”.

O socialista lembrou algunhas das súas propostas como a limitación de mandatos, non só nos postos de goberno senón tamén na oposición, e normas de transparencia como darlle acceso á cidadanía ás contas anuais e electorais do partido no mesmo momento en que se presentan ao Tribunal de Contas. Tamén a elaboración dun código ético, a publicación de salarios e a declaración xurada de bens a principios da lexislatura en todos os niveis de goberno, o acceso público á axenda do secretario xeral, as sancións a cargos políticos que incumpran as súas obrigas de representación ou programáticas ou a obriga a aceptar sempre preguntas nas roldas de prensa.

Asimesmo, Gómez Besteiro recalcou o seu compromiso de organizar reunións sectoriais periódicas coa cidadanía e facilitarlles o acceso e a aportacións a través das novas tecnoloxías, outro campo que será potenciado se é Secretario Xeral.

Moitas destas ideas están recollidas nos documentos elaborados polos militantes, que tamén aportan ideas relacionadas coa socialización da política europea, un modelo produtivo propio para Galicia, medidas de fiscalidade, apoio a pemes e traballadores ou investimento público. Xunto con elas, propostas orgánicas como mecanismos para o cumprimento dos programas electorais, a participación da militancia ou obrigas e control dos cargos institucionais e orgánicos.

Exit mobile version