Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia anuncia que a apertura da urbanización de Torrentes se realizará en outubro

Burela, 24 de setembro de 2013. A apertura da urbanización de Torrentes realizarase o vindeiro mes de outubro, segundo acaba de anunciar o alcalde, José Mª González Barcia, que este martes supervisou as obras realizadas na zona para mellorar a súa seguridade en compañía do concelleiro de Obras, dos técnicos municipais e de mandos da Policía Local.

Segundo explicou o rexedor: “a xunta de goberno deuse por enterada este martes da firma do acto de recepción da urbanización de Torrentes e tamén se acordou incorporar a urbanización (rúas e zona verde) ó inventario municipal de bens, co que agora si podemos dicir que xa son enteiramente municipais”.

Esta mesma mañá o alcalde, José Mª González Barcia, o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, técnicos municipais e mandos da Policía Local supervisaron sobre o terreo as melloras realizadas nesa zona para deixala en bo estado. González Barcia explicou que “alí procedeuse a eliminar a maleza que invadía as beirarrúas e colocáronse os elementos de seguridade solicitados polo técnico municipal de obras”. E anunciou que nos vindeiros días “fixarase unha data para a apertura da urbanización, que será con total probabilidade en outubro”.

O rexedor indicou que “así culmina un longo proceso iniciado no ano 2005. O Concello aínda ten pendentes algúns procedementos administrativos, pero de carácter menor e moito máis doados que todo o vivido ata o de agora con esta urbanización”.

Viaxe a Santiago
Por outra banda, o alcalde viaxará este mércores a Santiago de Compostela para asistir ao pleno que se celebra no Parlamento de Galicia e no que se debaterá unha proposición non de lei do Grupo Popular sobre o incremento das cotas de pescada. González Barcia acompañará ós representantes do sector pesqueiro de Burela que acudirán a dita sesión. O rexedor lembrou que “o meu grupo municipal presentou tamén unha moción no mesmo sentido que será debatida no vindeiro pleno ordinario da Corporación burelesa”.

Exit mobile version