Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia considera que a visita de Mato a Burela “ratifica os compromisos que a Xunta ten con este concello”

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 18 de setembro de 2013. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a construción dunha nova escola infantil na vila. O rexedor dixo que agora comeza un traballo arduo para conseguir esta importante dotación e subliñou que a visita veu ratificar os compromisos que a Xunta ten con Burela e cos seus veciños e veciñas.

O rexedor explicou que “a presenza en Burela hoxe da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, trouxo unha importante nova para o noso concello como é a firma do convenio de colaboración para a construción dunha nova escola infantil. É unha noticia importante porque a escola infantil actual que temos en Burela ten 120 prazas, que están practicamente cubertas, hai lista de espera e tendo en conta que aumentamos poboación e que é previsible que a lista de espera non baixe o lóxico e normal é que o Concello se preocupe pola posta en marcha dunha nova escola infantil”.

González Barcia dixo que “a partires de agora empeza un traballo arduo para conseguir esta nova e importantísima dotación para o noso concello. Por parte do equipo de goberno que eu presido isto quere dicir que hai unha preocupación clara e notable tanto polos servizos sociais coma polo ensino”.

O alcalde burelés indicou que “a visita da conselleira tamén trouxo consigo a ratificación do compromiso que a Xunta ten, a través da súa consellería, co Concello en materia de formación de persoas desempregadas. Beatriz Mato puido comprobar o funcionamento do centro de formación ocupacional, onde agora mesmo se están a impartir catro cursos, dous deles da rama sanitaria, un de pintor e outro de animador turístico. En total estanse a formar 60 persoas que, por desgraza, están desempregadas. Cando rematen os cursos terán unha titulación homologada e o certificado de profesionalidade que lles facilitará un pouco máis as cousas”.

José Mª González Barcia anunciou que “hoxe mesmo se fixo a selección dos alumnos do obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove. En total estamos a falar dun investimento por parte da Xunta de 500.000 euros, dos que 250.000 euros son para os cursos antes indicados e outros 250.000 para ese obradoiro do emprego. Isto é unha aposta decidida da Consellería de Traballo de colaborar co Concello de Burela á hora de formar a persoas que se atopan en situación de desemprego”.

O alcalde de Burela contou que “Beatriz Mato se achegou ao centro de atención temperá, dentro da visita cursada hoxe aquí, xa que está financiado en parte pola súa consellería a través do plan concertado de servizos sociais. O centro atende a nenos e nenas de 0 a 6 anos de toda a comarca con algunha deficiencia. A conselleira de Traballo e Benestar pasou tamén polo centro da Fundación Eu Son para poder comprobar as ensinanzas que alí se imparten, compartir uns minutos tanto cos alumnos coma cos monitores e garantir a continuidade das prazas concertadas co centro”. González Barcia engadiu que “agora mesmo de 25 prazas temos 23 concertadas e todo apunta a que para o ano se poida concertar unha máis, co cal estaríamos xa con todas as prazas concertadas”.

Para o rexedor burelés “tratouse dunha visita interesante da conselleira Beatriz Mato, dun departamento como o de Traballo e Benestar que ten unha implicación e unha aposta directa por parte deste equipo de goberno, como vimos demostrando ano tras ano coa posta en marcha de cursos de formación, obradoiros, etc. E en materia de servizos sociais non se ten levado a cabo ningún tipo de axuste. Estamos máis que satisfeitos desta visita polo que significa de ratificación dos compromisos da Xunta de Galicia, do goberno que preside Alberto Núñez Feijoo, a través da Consellería de Traballo e Benestar. Nesta liña de colaboración institucional, nesta liña de boas e fluídas relacións continuaremos porque o nos que preocupa, tanto á consellería coma a nosoutros, é o benestar e a calidade de vida dos veciños e das veciñas de Burela”.

Exit mobile version