Segundo explicou o rexedor “son suxestións que se basean fundamentalmente na urbanización dos espazos en canto aos usos que se prevén dentro dese plan que a Xunta de Galicia, con moi bo criterio, está elaborando para o porto de Burela. Tamén contempla a posibilidade, aínda que a situación actual evidentemente non é a que todos quixéramos, de que o día de mañá, dentro duns anos Absa se poida ampliar”.
Para González Barcia “a reunión foi moi positiva porque, aínda que as suxestións efectivamente non teñen un gran calado, en Portos entenden a preocupación que o sector pesqueiro de Burela e o Concello teñen ao respecto. Nós, unha vez máis, temos que reiterar o noso compromiso co sector pesqueiro porque o porto de Burela e un motor socioeconómico fundamental para A Mariña, evidentemente, e para o sustento do noso concello. E polo tanto calquera inquedanza que teña o sector pesqueiro nosoutros vamos compartila e vamos intentar buscarlle solucións”.
O alcalde de Burela indicou que “o que se formula ao plan de usos son aspectos moi puntuais que teñen que ver fundamentalmente coa situación de certos servizos xa existentes, con esa previsión de cara ao futuro para unha posible expansión de Absa e con cuestións de tipo menor, como algunha concreción máis axustada dalgunhas cuestións que aparecen no plan de usos”. E engadiu que “eu, como alcalde de Burela, saín satisfeito desta reunión porque entendo que foi positiva. Serve tamén para intercambiar opinións entre Portos de Galicia e os usuarios do porto de Burela (confraría, Absa e as empresas pesqueiras)”.
González Barcia entende que “boa parte destas suxestións poden ser aceptadas por Portos de Galicia, tal e como os propios técnicos recoñeceron porque consideran que o que se pretende por parte do sector portuario é fundamentalmente, e nese sentido os obxectivos tanto do sector pesqueiro como de Portos coinciden, mellorar o uso do porto, a manobrabilidade dos propios usuarios en todo o espazo portuario. Polo tanto eu, como alcalde, aparte de agradecerlle ao presidente de Portos de Galicia a deferencia de ternos recibido unha vez máis, entendo que non vai haber excesivos problemas con esta situación. Ao contrario, son cuestións de tipo puntual que para nada afectan ao substancial do plan de usos do porto de Burela, que é o primeiro paso para a elaboración, xa máis adiante, dun plan especial”.