Site icon Crónica3.com A Mariña

Lugo incrementou nun 21,5% os viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros con relación ao pasado mes de agosto

Lugo, 24 de setembro de 2013.- A provincia de Lugo rexistrou no pasado mes de agosto preto de 100.000 viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, cifra que supón un incremento do 21,5% en relación ao pasado ano, a porcentaxe máis elevada de todas as provincias galegas.

Así o comunicou hoxe a delegada territorial, quen subliñou que se alcanzaron as 160.000 pernoitas, o que significa un incremento de case o 19% con relación ao mesmo período do ano pasado. Esta “extraordinaria evolución” do sector turístico na provincia –indicou Arias- sitúa a Lugo “na cabeza do crecemento da demanda en Galicia”.

A delegada destacou tamén o feito de que o crecemento da demanda “beneficia en xeral a todos os destinos da provincia”. Así, na cidade de Lugo as pernoitas hoteleiras de agosto superan nun 29% os niveis do pasado ano. “Rexistran tamén resultados positivos a Mariña Lucense, onde as pernoitas soben nun 10%; Lugo Central, cun incremento do 26%, ou a Ribeira Sacra, con subas neste caso do 26%”, explicou.

O bo comportamento da demanda hoteleira en agosto vén como consecuencia esencialmente do crecemento experimentado polo turismo procedente de fóra de Galicia. En particular, o turismo español procedente do resto do Estado sobe un 27% mentres que o internacional medra un 23%.

Agosto non fai senón confirmar a tendencia que se viña rexistrando durante todo o ano, xa que “nos oito primeiros meses deste ano a provincia de Lugo rexistra unha mellora importante dos seus niveis de demanda hoteleira, superando nun 11,4% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 9,8% o nivel de pernoitas do mesmo período do pasado ano”, significou Arias.

Ao respecto, Arias afirma que “Lugo é a provincia que mellor comportamento está a experimentar no ámbito hoteleiro neste período, representando no que vai de ano o 13% do total da demanda hoteleira de Galicia”.

A delegada considerou que “se están a dar pasos importantes para a promoción da provincia e xa se ven os froitos”. Así mesmo, Arias significou tamén o papel que están a desenvolver todos os membros do sector, cuxo “compromiso resulta tamén unha das claves” para o desenvolvemento deste ámbito estratéxico e aos que agradeceu o seu traballo.

Neste sentido, lembrou “a forte aposta da Xunta polo potencial turístico de Lugo, tanto no que se refire á difusión dos nosos destinos turísticos como á ordenación e distribución da oferta”.

Como casos máis recentes aludiu á presenza da campaña “… E para comer, Lugo” na Volta Ciclista a España, á posta en marcha do tren turístico Ruta dos Faros na Mariña ou ao Outono gastronómico, que involucra a casas de turismo rural de toda a provincia, todas elas iniciativas patrocinadas pola Xunta de Galicia.

Exit mobile version