Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 1.600 universitarios terán a matrícula gratuíta ou obterán axudas ao estudo ao abeiro da convocatoria de bolsas da Consellería de Educación

Santiago, 27 de setembro de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica este venres 27 de outubro no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para a realización de estudos universitarios durante o curso 2013-2014 nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), da que se beneficiarán máis de 1.600 estudantes. A través desta convocatoria, que conta cun orzamento de 1 millón de euros, a Xunta de Galicia garante a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores.

Segundo as estimacións da Consellería, máis de 1.100 alumnas e alumnos recibirán a axuda para ter a matrícula gratuíta. Desta forma poderá ter a matrícula gratis a totalidade do alumnado cunha nota media entre 5 e 5,5, que se viu afectado polo cambio no Real Decreto da convocatoria estatal para obter estas axudas. Así mesmo, outros 500 estudantes – que xa contan coa matrícula gratuíta ao abeiro da convocatoria do Ministerio de Educación Cultura e Deporte- poderán obter unha axuda complementaria á do Goberno central para cursar estas ensinanzas.

Nos vindeiros días a Consellería publicará tamén a nova liña de axudas para realizar estudos de máster. Esta acción vai dirixida ás persoas en situación de desemprego, co fin de facilitar a súa reincorporación ao mercado laboral mediante unha formación especializada, orientada ao exercicio profesional. Para iso a Consellería subvencionará o custe da matrícula naqueles máster especialmente orientados ao acceso ao mercado de traballo; unha iniciativa da que se poderán beneficiar 150 persoas.

Modalidades
A convocatoria realízase en dúas modalidades, unha delas dirixida a cubrir os gastos de matrícula, dirixida ao alumnado cunha nota media superior ao 5 e inferior ao 5,5 e para os alumnos bolseiros do Ministerio ou da Consellería nos 2 últimos cursos que non reúnan nesta convocatoria os requisitos de número de créditos superados esixido polo goberno central. A outra vai dirixida ao alumnado con nota media entre 5,5 puntos e 6,49 puntos, axuda que consistirá nunha contía fixa de 600 euros.

Poderán solicitar estas bolsas as persoas que inicien ou cursen ensinanzas universitarias adaptadas ao EEES, conducentes aos títulos oficiais de Grao ou ensinanzas universitarias conducentes aos títulos oficiais de Licenciado, Enxeñeiro, Arquitecto, Diplomado, Mestre, Enxeñeiro Técnico ou Arquitecto Técnico nas universidades do SUG. En ambos os casos o prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o día 27 de outubro (incluído).

Os requirimentos, tanto académicos como os limiares de renda, poderán consultarse na orde publicada este venres no Diario Oficial de Galicia, no enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130927/AnuncioG0164-200913-0003_gl.html.

Exit mobile version