Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 400 nenos de ata 3 anos inician o curso nas escolas da comarca da Mariña incluídas na rede da Galiña Azul

Burela, 5 de setembro de 2013.- Máis de 400 nenas e nenos de ata 3 anos comezan hoxe o curso nas escolas infantís da rede autonómica A Galiña Azul na comarca da Mariña da provincia de Lugo. A delegada territorial da Xunta participou na xornada inaugural na escola de Burela, onde 108 cativos ocuparán inicialmente as instalacións deste centro, un dos tres máis grandes da provincia dentro da rede da Galiña Azul.

Arias sinalou que a actividade nestes primeiros días de curso está orientada á adaptación ou readaptación dos nenos ao entorno. “Para os primeiros días, estes centros infantís programaron un período de adaptación e irán acollendo progresivamente a incorporación dos pequenos de entre 0 e 3 anos con matrícula nos distintos centros”, expuxo Arias, que estivo acompañada durante a visita polo alcalde de Burela, José María González Barcia, e por varios concelleiros deste municipio.

A delegada territorial significou “o aumento” de prazas neste eido dentro da comarca da Mariña, na que nos últimos catro anos “se pasou de 379 prazas a actual oferta de 481, incrementando con 101 prazas máis a oferta a disposición das familias da comarca con fillos menores de 3 anos”.

Neste inicio de curso, a rede de escolas infantís A Galiña Azul ten unha nova escola precisamente na Mariña, posto que inicia a súa actividade a de Alfoz. En total, son 8 as escolas infantís abertas pertencentes a esta rede sostida pola Xunta de Galicia as que se atopan na Mariña, indicou Arias. Os centros atópanse nos concellos de Foz (2), Alfoz, Burela, Mondoñedo, O Valadouro, Ribadeo e Viveiro.

Prazas sostidas con fondos públicos
Ademáis das escolas da Rede A Galiña Azul que inician agora o curso, a oferta de prazas sostidas con fondos públicos inclúe tamén escolas municipais, de iniciativa social e cheque infantil, conformando unha oferta global de máis de 19.000 prazas no conxunto da comunida, recordou a delegada da Xunta.

A planificación da Consellería de Traballo e Benestar prevé continuar incrementando esa oferta pública durante a presente lexislatura. Así, nos próximos catro anos está previsto crear 3.500 novas prazas, das que 2.000 xa están planificadas, tres delas, na provincia de Lugo.

En canto á actividade neste novo curso nas escolas infantís, na planificación dos primeiros días os profesionais están a ter en conta as características dos nenos e nenas de cada escola, é dicir, se se incorporan por primeira vez ao centro ou se volven dun período de vacacións. A incorporación faise sempre de xeito paulatino comezando cunhas xornadas compartidas cos pais ou nais e incrementando progresivamente o número de horas de asistencia dos pequenos ao centro.

Exit mobile version