Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural financia actuacións de mellora en pistas e camiños dos 15 concellos da Mariña

Lugo, 30 de setembro de 2013.- A Consellería do Medio Rural e do Mar financiará con máis de 725.000 euros (726.407,88 euros) traballos de mellora en infraestruturas rurais da comarca da Mariña.

Así o destacou hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, que afirmou que “esta partida, da que se beneficiarán todos os concellos da comarca”, ten como obxectivo “facilitar a reforma e rehabilitación da rede de camiños e viais interiores dos distintos municipios, promovendo unha mellora das conexións dos núcleos rurais da zona”.

A delegada fixo énfase na relevancia do Plan de Mellora de Camiños, ao abeiro do cal se formalizan estas achegas, posto que “afectan á calidade de vida dos veciños e veciñas e promove proxectos de modernización de viais destinados a dinamizar a base produtiva duns municipios, neste caso, os da Mariña luguesa, nos que o ámbito rural ten un peso importante”.

Para o caso do total da provincia de Lugo, este programa suporá un investimento de preto de 3,7 millóns de euros (3.690.105,59 euros). Neste sentido, Arias subliñou que na distribución dos orzamentos tivéronse en conta distintos criterios consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), como foron o número de habitantes, superficie do municipio, coeficiente de agrariedade, despoboamento ou envellecemento da poboación.

Mediante o devandito plan impúlsase “a modernización e reforma dos viais interiores que serven para a comunicación as zonas rurais dos distintos concellos”, segundo resumiu a delegada territorial.

As dotacións, que serán distribuídas en sendas partidas entre o ano 2013 e o 2014, suporán “unha mellora da seguridade viaria para os usuarios ao tempo que se consegue que o transporte que habitualmente transcorre polos distintos núcleos rurais dos municipios resulte máis cómodo e tamén máis económico”.

As axudas, que oscilan entre os 30.000 euros e os 61.500 euros, permitirán unhas obras que serán os encargados de executar as mesmas. Arias concluíu que a valía deste programa represéntao tamén a mellora das condicións “dos accesos no medio rural para facilitar a mobilidade dos residentes e, en especial, as actividades agrícolas e forestais, que posúen un potencial estratéxico na zona da Mariña”.

O cadro de achegas por concellos na comarca é o seguinte:

CONCELLO

COMARCA

DOTACIÓN ECONÓMICA

Alfoz

Mariña Central

47.982,20 €

Burela

Mariña Central

30.425,50 €

Foz

Mariña Central

43.014,50 €

Lourenzá

Mariña Central

44.383,20 €

O Valadouro

Mariña Central

57.383,14 €

Mondoñedo

Mariña Central

57.764,50 €

Cervo

Mariña Occidental

39.553,00 €

Ourol

Mariña Occidental

57.764,50 €

Vicedo, O

Mariña Occidental

39.119,00 €

Viveiro

Mariña Occidental

61.287,50 €

Xove

Mariña Occidental

45.444,00 €

Barreiros

Mariña Oriental

51.077,20 €

A Pontenova

Mariña Oriental

48.812,14 €

Ribadeo

Mariña Oriental

61.627,50 €

Trabada

Mariña Oriental

40.770,00 €

Exit mobile version