Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural investiu 755.000 euros na mellora da maquinaria agrícola de 16 explotacións de Lugo

Lugo, 27 de setembro de 2013.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou este venres “o impulso para a mellora da maquinaria agrícola nas explotacións agrícolas” da provincia de Lugo que promoveu a Consellería do Medio Rural e do Mar nos últimos meses.

Este departamento achegou axudas para facilitar que 16 explotacións que as solicitaron modernizasen os tractores e máquinas automotrices agrícolas que posuían, en cuxa adquisición investiron 755.389,11 euros (169.275 euros, achegados pola consellería).

Arias considerou que “este importante esforzo” que realiza a Xunta de Galicia, a través do departamento de Medio Rural, representa “unha proba da vontade existente por parte Executivo galego para colaborar na modernización e na mellora das condicións de traballo” nas explotacións agrícolas. A delegada agregou que esta colaboración supón “un reforzo para aumentar a competitividade dun sector estratéxico dentro da comunidade galega”.

A representante do Executivo galego sinalou que as axudas benefician a 16 explotacións repartidas por toda a xeografía lucense. Así, entre os beneficiarios das axudas atópanse agricultores e gandeiros de Lugo, Becerreá, Vilalba, Sarria, Chantada, Meira, Guitiriz, Monforte de Lemos e Ribadeo.

Así mesmo, Arias destacou que as achegas realizadas representan a parte máis importante das axudas distribuídas a nivel autonómico, posto que “case o 50% do montante total que se achegou mediante esta liña de subvencións beneficiou a explotacións da provincia lucense”.

Nova liña de colaboración en marcha
Raquel Arias recordou tamén que, na actualidade, a Consellería do Medio Rural e do Mar ten aberta unha nova liña de subvencións para a renovación de tractores e maquinas automotrices agrícolas, para a que se destina en axudas máis de un millón de euros (1.023.350 euros).

As subvencións tamén teñen como finalidade reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 27 do vindeiro mes de outubro.

Exit mobile version