A programación arrincará ás 11.30 horas do sábado 14 de setembro coa saída do “IV Rallye de Clásicos Cidade de Mondoñedo”, da Praza da Catedral. Ás 13.00 horas dispararanse potentes bombas anunciando o comezo das festas e ás 14.00 horas haberá unha sesión vermú coa Orquestra Nova Imperial.
Xa pola tarde, ás 17.00 horas no Campo Viñas da Veiga celebrarase o partido de fútbol de 2ª Autonómica entre os equipos Mondoñedo F. C e o Club Deportivo Foz. Ás 17.30 horas haberá unha Jinkana de Clásicos e Animación infantil a cargo de “Puzzle Animación” na Praza da Catedral organizada pola Asociación Mira e Anda de Mondoñedo. Ás 19.00 horas comezará a “III Xuntanza de Cantos de Taberna Mondoñedo 2013” con saída dende a Praza do Concello baixo a organización da ACIAM. As orquestras Nova Imperial e Samba ofrecerán unha verbena na Alameda dos Remedios a partir das dez e media da noite.
Pola súa banda, o lanzamento de potentes bombas anunciarán o domingo 15 de setembro o segundo día de festas ás 10.00 horas. Ás 11.30 horas sairá a Comitiva da Casa do Concello cara ao santuario de Nosa Señora dos Remedios, acompañada da Banda de Música de Ortigueira, para asisitir á misa de ofrenda que presentará o Ilmo. Sr. Alcalde do Excmo. Concello de Ortigueira, cantada pola Coral Polifónica de Ortigueira. Seguidamente terá lugar a procesión polo itinerario de costume, acompañada pola Banda de Música de Ortigueira. Ás 14.00 horas a Orquestra Jerusalén ofrecerá unha sesión vermú e ás 14.15 horas a Banda de Música de Ortigueira ofrecerá un concerto na Praza do Concello (en caso de choiva terá lugar no Auditorio Municipal Pascual Veiga).
O domingo tamén se celebrará a I Carreira Popular Os Remedios cun percorrido polas principias rúas da cidade saíndo da Praza da Catedral. A proba para as categorías inferiores celebrarase a partir das 16.30 horas, mentres que a absoluta arrincará ás 18.00 horas. Os dorsais recolleranse media hora antes na Praza da Catedral sendo gratuíta a inscrición na proba. Ao finalizar a última carreira os trofeos entregaranse na Praza do Concello. Máis información e inscrición http://carreiraosremedios.blogspot.com.es/ ou ben no número de teléfono 605790091.
Jerusalén e Tekila ofrecerán unha gran festa verbena a partir das dez da noite na Alameda.
E as festas na honra á Virxe dos Remedios chegarán ao seu remate o luns 16. Ás 12.30 horas o Santuario de Nosa Señora dos Remedios acollerá a celebración dunha misa de cofrades para dar paso á sesión vermú coa orquestra Nueva Generación ás 13.30 horas.
A partir das 17.00 horas a Alameda acollerá o Día no Neno. Os rapaces e rapazas poderán disfrutar dunha xornada na que haberá unha redución da entrada das atracións da Alameda.
E antes da verbena coa orquestra Nueva Generación que arrincará ás 22.00 horas para dar por rematadas estas festas, o grupo Teatro Espello Cóncavo representará ás 20.00 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga a obra “Anxeliños” de Roberto Vidal Bolaño.
A Comisión de Festas de “Os Remedios 2013” agradece a súa colaboración e deséxalles ¡Felices Festas!