Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo conta cunha oficina de inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos

A Consellería de Traballo e Benestar achega este ano un total de 1.725.817,00 euros ao II Plan galego de inclusión social 2007-2013, que xestiona o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio para a realización da devandita achega. O II Plan galego de inclusión social está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Xunta de Galicia.

Así, o Consorcio conta con 18 oficinas de inclusión en distintos concellos das catro provincias galegas desde as que equipos de técnicos desenvolven un traballo de alcance comarcal a prol da inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos. As devanditas oficinas están situadas nos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Noia e As Pontes de García Rodríguez na provincia da Coruña; Baralla, Begonte, Mondoñedo e Monforte de Lemos, en Lugo; O Carballiño, Celanova, A Rúa e Xinzo de Limia, na provincia de

Ourense e, por último, nos concellos pontevedreses de Gondomar, Lalín, Marín, O Porriño e Vilagarcía de Arousa. Un equipo máis desenvolve este labor no Centro Penitenciario de Teixeiro, onde traballan con reclusos con data próxima de saída do cárcere que, a través do Plan, se preparan para a vida en liberdade.

O obxectivo principal deses equipos é promover a inserción social e laboral dos colectivos en situación ou risco grave de exclusión social mediante o desenvolvemento de itinerarios personalizados e integrais de inserción, desde unha perspectiva ligada ás potencialidades do territorio e ao seu tecido social e produtivo.

Eses itinerarios, deseñados polos técnicos coa participación activa das persoas destinatarias, inclúen un conxunto de servizos, prestacións e accións de orientación, formación e emprego, que dependendo do perfil poden ser accións formativas, prácticas en empresas en distintos postos (como caixeiro, carreteiro ou repoñedor, por exemplo) ou, cando as circunstancias así o requiren, actividades de desenvolvemento persoal e de adquisición de habilidades sociais. O ano pasado, o total de persoas que se beneficiaron das distintas accións do II Plan galego de inclusión social foi de 2.316 e delas 652 accederon a un posto de traballo. Desde o ano 2008 esas actuacións chegaron xa a 12.251 persoas.

Estas accións teñen como marco de referencia os obxectivos en materia de protección e inclusión social adoptados pola Unión Europea nos cumios de Lisboa a Niza do ano 2000, e actualizados mediante a comunicación da Comisión do 22 de decembro de 2005, que establece “un novo marco para a coordinación aberta das políticas de protección social e inclusión social na Unión Europea”, e nos informes conxuntos da Comisión e do Consello de marzo de 2006 e febreiro de 2007.

É preciso lembrar que o II Plan galego de inclusión social 2007-2013 enmárcase na aposta da Xunta polas persoas máis vulnerables, un eido que está a priorizar nas súas políticas. Proba deste esforzo é que este ano a Consellería de Traballo e Benestar está a destinar a este ámbito máis de 42 millóns de euros en actuacións como a renda de inclusión social de Galicia, as axudas de emerxencia social ou as subvencións a entidades sociais como, por exemplo, as que xestionan comedores, albergues e casas de acollida.

Exit mobile version