Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo, O Valadouro e Riotorto acollen a semana que ven charlas informativas sobre as multas aos emigrantes retornados

A Xunta Directiva da Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña mantivo na xornada de onte unha xuntanza na localidade de Foz a fin de acordar as próximas actuacións deste colectivo que nace co obxectivo de darlle unha solución ao problema que se lle da aos emigrantes retornados, unha vez que a axencia tributaria procedeu a abrir expedientes sanciaonadores a un grupo importante deles e que ten previsto abrilo de xeito xeneralizado de cara ao futuro.

Neste sentido é desde o convecemento que a grande maioría deste colectivo descoñece a obrigatoriedade de declarar pola súa pensión do estranxeiro aínda que non chegue ao mínimo legal para facer a declaración da renda imos a continuar a nosa campaña informativa na Mariña. As próximas asembleas informativas vanse celebrar o Martes 24 ás 19:00h no Centro Socio Cultural de Riotorto, o Mércores 25 ás 19:00h no Centro Social do Valadouro e o Xoves 26 ás 19:00h na casa da Xuventude de Mondoñedo. Os actos previstos neste Concello abertos ao público en xeral e tamén pensados para os emigrantes retornados dos Concellos colindantes a máis de informar do que determina a normativa, explicar alternativas e resolver dúbidas, parte da consideración que igual que no conflito das preferentes vai ser a presión dos afectados o que posibilite unha solución ao problema.

Queremos facer constatar que estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro polo que existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade ou de defraudar por parte destas, e que se apoia co feito de os estados pagadores nunca lles expediren ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas. Con estes antecedentes resulta sorprendente que, cinco anos máis tarde, reciban este tipo de requirimentos por parte da Axencia Tributaria, coa advertencia dunha posíbel sanción por non teren cumprido con obrigas tributarias que descoñecían, aínda máis cando os evasores fiscais se benefician de amnistías, constitúe unha auténtica inmoralidade a simple ameaza dunha sanción a estas persoas, traballadores e traballadoras emigrantes retornadas.

A campaña de información que estamos realizando e á que lle damos continuidade con estas tres asembleas a semana que ven aspira a conseguir que que o Goberno do Estado anule todos os expedientes sancionadores, que se inicie unha campaña para informar adecuadamente as persoas pensionistas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, obviando os exercicios do período 2008-2012. Esta medida é a única razoábel e xusta tendo en conta a inexistencia de información e a ausencia de responsabilidade e por tanto de vontade de fraude por parte destas persoas. Asemade e sen prexuízo das medidas urxentes para evitarlles esta penosa situación, é preciso que, por parte do Goberno do Estado para evitar novas situacións, se revisen os convenios marco con outros países, como por exemplo o estabelecido con Alemaña no ano 2012 ou o que preparan este ano para Luxemburgo.

Exit mobile version