Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova concentración da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña este xoves diante do Concello de Ribadeo

SERÁ UNHA OPORTUNIDADE PARA FACER VER A OPOSICIÓN CIDADÁ AOS RECORTES SANITARIOS NO DÍA QUE SE CELEBRA SESIóN PLENARIA ONDE SE RECLAMARÁ Á XUNTA A COBERTURA DA PRAZA MÉDICA PERDIDA NO CENTRO DE SAÚDE RIBADENSE.

A Mariña, 25 de setembro de 2013. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca mañá xoves ás oito da tarde unha concentración diante do concello de Ribadeo coincidindo coa celebración dun pleno onde se debaterá a reclamación ao SERGAS para que repoña ao Centro de Atención Primaria a praza médica perdida. Dende a Plataforma fan un chamamento á cidadanía a rebelarse contra estas medidas que degradan o sistema público de saúde con medidas como esta ou a anunciada onte no Parlamento co repago de medicamentos hospitalarios.

CONTRA O DESMANTELAMENTO DA ASISTENCIA PRIMARIA E O REPAGO DE MEDICAMENTOS DISPENSADOS NOS CENTROS HOSPITALARIOS.
A Plataforma chama á cidadanía ribadense a manifestar o seu rexeitamento ás medidas de recorte nas prestacións sanitarias públicas tanto polo recorte nas prazas médicas en asistencia primaria como polas medidas que a Conselleira anunciou onte para por en marcha o repago de medicamentos dispensados nos hospitais públicos, unha medida impulsada polo Ministerio de Sanidade pero opcional nas CC.AA que a conselleira non dubida en aplicar a partir do mes de outubro. Para a Plataforma estamos diante dun novo ataque ao sistema público de saúde que tanto dende o goberno do Estado como o da Xunta tratan de desmantelar para privatizalo en beneficio de intereses espurios.

A PLATAFORMA PIDE AO PP E A QUINTÁNS MODERACIÓN NA CREACIÓN DE ESPECTATIVAS FALSAS SOBRE O TRATAMENTO ONCOLÓXICO NA MARIÑA.
A Plataforma pediu ao PP e ao Xerente da Área de Xestión Integrada moderación na creación de expectativas entre as persoas con doenzas canceríxenas sobre o tratamento oncolóxico na comarca, advirten que o servizo que anuncian nace en precario e non vai impedir o traslado de pacientes a outros centros hospitalarios públicos e privados para recibir tratamentos. Non nos parece de recibo que tanto o PP como Quintáns anuncien o tratamento de quimioterapia na comarca cun servizo sen dotacións, sen espazo e cun oncólogo prestado polo HULA unha vez á semana.

Exit mobile version