Site icon Crónica3.com A Mariña

Nove coidadoras traballarán no comedor escolar en Burela, “un servizo fundamental para os dous centros”

Burela, 16 de setembro de 2013. Este luns comezou a funcionar o comedor escolar en Burela. Serán nove as coidadoras que se ocupen de atendelo, seis incorporáronse hoxe e o resto farano a vindeira semana, segundo ven de anunciar a concelleira de Educación, Mónica Pedre.

O Concello burelés organiza diversas actividades ao longo do curso escolar para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral: “haberá actividades deportivas, outras coordinadas por Gaia e tamén teremos cursos de natación na piscina de San Cibrao. É o Concello o que costea o transporte ata esa instalación, poñendo a disposición dos rapaces e rapazas un autobús por cada CEIP, un para o Vista Alegre e outro para o Virxe do Carme”, explicou a edil popular. Moitas das actividades organizadas polo Concello teñen lugar nos CEIPS, que deste xeito están abertos polas tardes.

Mónica Pedre subliñou que “o Concello contratará suficiente persoas para atender o comedor escolar. Neste curso contaremos con 9 coidadoras. Hoxe comezaron a traballar seis e agardamos que para a vindeira semana se incorporen outras tres. O obxectivo é manter aberto este servizo, que desde o equipo de goberno consideramos fundamental para os dous centros de ensino”.

Para a concelleira de Educación “isto demostra que o equipo de goberno está comprometido coa ensinanza, como o estivo sempre. Quero lembrar que foi un goberno municipal do PP, hai dez anos, o que comezou a apoiar e sufragar os gastos destas actividades, polo tanto non temos dúbida algunha en canto a seguir con elas. Todo isto está sufragado con fondos municipais, é dicir, con cartos de todos os veciños e veciñas de Burela, o que supón un considerable esforzo dada a situación actual”.

Tanto o alcalde, José Mª González Barcia, coma o equipo de goberno consideran que “non hai mellor inversión dos cartos de todos os contribuíntes que investir en educación e servizos sociais. E iso é o que estamos a facer. Neste ámbito non se fixeron axustes, porque consideramos que son fundamentais para a sociedade”.

Exit mobile version