Site icon Crónica3.com A Mariña

O 2012 pechouse no Concello de Ribadeo cun resultado positivo dun 377.000 euros, despois de varios anos saneando a súa capacidade económica

Ribadeo, 23 de setembro de 2013. O 2012 pechouse no Concello cun resultado positivo duns 377.000 euros, segundo os datos que deu a coñecer este luns o alcalde, Fernando Suárez. A conta xeral do pasado ano e as melloras e reformas a realizar na piscina municipal serán dous dos asuntos que se someterán a debate e aprobación no pleno ordinario previsto para o vindeiro xoves, 26 de setembro, ás 20 horas.

Sobre a conta xeral de 2012 o rexedor dixo que “é este acto que se fai todos os anos, onde a Corporación ten que aprobar cómo se foi executando o presuposto do ano anterior, si se axustou ao que se presupostou, si se gastou de máis e cómo quedaron finalmente as contas”. Suárez Barcia subliñou que “outro ano máis e desde o 2008 o orzamento do Concello de Ribadeo sempre se ven axustando ao que se ven presupostando anteriormente. Non se gasta máis do que se presuposto e incluso moitas veces non se chega a gastar todo, de aí que nos últimos anos estivemos a sanear a capacidade económica do Concello, estivemos actualizando moitísimo a capacidade de pago e así as débedas que o Concello ten con provedores están moi actualizadas e practicamente todo o mundo está a cobrar nos prazos legais e polo menos nuns prazos moi razoables, si temos en conta cómo era desgraciadamente hai non moitos anos”.

O alcalde ribadense lembrou que “no ano 2007 o resultado presupostario era negativo en practicamente 200.000 euros. Eses cartos gastábanse de máis en función do que se tiña recadado, pero desde 2008 ata agora sempre houbo un resultado positivo, é dicir se presupostou unha cifra, que acabou recadándose iso ou un pouco máis e que se acabou gastando menos do presupostada. Non é que sexamos avarentos e que queiramos ter moitos cartos nas contas, senón que con ese diñeiro de máis fomos saneando unha situación económica que no seu momento, cinco ou seis anos atrás, era realmente angustiosa”. O 2012 péchase no Concello de Ribadeo cun resultado positivo duns 377.000 euros despois de descontar os efectos da operación do plan de pago a provedores, que supuxo unha entrada de cartos excepcional.

Outro dos asuntos que se someterán a aprobación no pleno ordinario do vindeiro xoves será a proposta da empresa Serviocio en relación coas reformas e melloras a realizar na piscina municipal. Suárez Barcia agardo que “teña respaldo da maioría ou a unanimidade da Corporación Municipal. Trátase dunhas reformas e melloras que fará esa empresa e que se dedicarán a aspectos de seguridade e de saúde. En concreto vaise mellorar a cuberta da instalación, que deu algúns problemas no pasado cando houbo vento ou ciclóns. É necesario reforzala de maneira integral e tamén nos parece moi importante actuar no que ten que ver coa saúde. E así vaise substituír o sistema de cloración tanto do vaso da piscina coma da bañeira de hidromasaxe por un sistema máis moderno de raios ultravioletas, que aínda non eliminando o cloro de maneira total porque a normativa non o permite, pero si que se reducirá á mínima expresión e constituirémonos nunha das poucas piscinas en moitos quilómetros á redonda que contan con este sistema moderno, que en definitiva son moi bos para a saúde dos usuarios e dos traballadores”. O alcalde engadiu que “todo isto se fará sen cargo algún para o Concello”. O investimento previsto ascende a uns 100.000 euros.

No pleno do xoves tamén se debaterá a proposta de solicitude á Xunta de declaración de parque natural para As Catedrais.

Exit mobile version