Site icon Crónica3.com A Mariña

O Atlético de Madrid proclámase campión da Supercopa de España en Vista Alegre

peque_rosana_maite_supercopaNon puido ser. O Atlético de Madrid proclamouse campión da Supercopa de España tras caer derrotado en Vista Alegre por 2-0 ante un Burela Pescados Rubén que xogou ben as súas bazas e acariñou a opción da remontada. O resultado do choque de ida (5-1) resultou determinante nunha final (5-3) marcada polos minutos finais do encontro en terras madrileñas. O Burela Pescados Rubén afrontou o reto da remontada arroupado pola súa afección e mostrou coraxe para discutir o título a un conxunto blanquivermello conservador. A punto estivo o Burela de aproveitar esta circunstancia para dar a sorpresa, a falta de acerto nas ocasións xeradas impediu aumentar a dose de emoción e incerteza polo título.

No primeiro período a intensidade e o aspecto defensivo foron protagonistas. As madrileñas expuxeron pouco en ataque, en busca dunha contra que difuminara a remontada laranxa. Pola súa banda, a escuadra dirixida por Quico Otero buscaba a súa oportunidade para iniciar a escalada e gozou dun par de ocasións por mediación de Lidia e Lara. Co bonus blanquivermello de faltas completo, Lidia dispuxo dun dobre penalti, minuto17, que lanzou demasiado alto. Sen movemento no marcador chegouse ao descanso.

No segundo acto, as burelás intensificaron o seu dominio e chegou o tanto de Peque a pase de Bea Mateos, minuto 22, que abría un buraco á esperanza. O choque transcorría con demasiadas imprecisións por ambos conxuntos e Quico Otero, a doce minutos do final, decidiu apostar polo xogo de cinco. No minuto 29, Ju Delgado foi expulsada por dobre cartón amarelo e o Burela logrou sacar proveito a superioridade numérica. Antes, as blanquivermellas gozaron dunha gran ocasión de Anita Luján cuxo disparo golpeou ambos paus. Maite non perdoou e marcou o 2-0 pescando un balón solto no área visitante.

O 2-0 aumentou a intensidade de Vista Alegre e un Atlético dubitativo entregouse definitivamente á procura de contragolpe mortífero. As mariñás que mantiñan a súa aposta de cinco en busca dun terceiro gol que alimentase a esperanza non se rendían. Coas locais envorcadas, o Atlético logrou conectar unha contra pero Patri gañou a partida no man a man con Natalia. No tramo final, chegaron as mellores ocasións laranxas para escalar na remontada pero a escasa definición impediu complicar o triunfo madrileño.

FICHA TÉCNICA
Burela Pescados Rubén: Patri, Claudia, Peque, Bea, Maite –cinco inicial- Lidia e Lara.

Atlético de Madrid: Belén, Ju Delgado, Anita Luján, Ro, Cris Llano –cinco inicial- Rocío Sevilla, Leti, Natalia, Fabi e Jenny.

Goles: 1-0, m.22, Peque; 2-0, m.31, Maite.

Árbitros: Presedo García e Amor Vizoso. Colexio galego. Amonestaron con cartón amarelo a Peque, do Burela Pescados Rubén. No Atlético de Madrid expulsaron a Ju Delgado por doble cartón amarelo

Incidencias: Partido de volta da XI Supercopa de España disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. 800 espectadores. Ademáis dos representantes da Real Federación Española de Fútbol, institucións e organismos oficiais; cabe destacar a presencia na final do seleccionador nacional de fútbol sala, José Venancio López Hierro.

Exit mobile version