“Comezamos coas ilusións intactas, estamos desexando empezar xa, para iso nos estivemos preparando; unha das nosas principais motivacións é a defensa do título” declaraba con entusiamo o adestrador laranxa, Quico Otero, que lamenta non poder estrearse na competición co cadro ao completo: “O equipo está preparado para iniciar ben a liga, aínda que con efectivos xustos. Jozi, Paula e Marcela están en proceso de recuperación; intentaremos reincorporalas canto antes para non resentirnos a longo prazo”.
Do rival desta primeira xornada o técnico laranxa destaca principalmente “o seu xogo agresivo”. “É un equipo bo no un contra un, sobre todo si ten espazos e ten grandes pegadoras de lonxe, aínda que tamén contará coa baixa dun dos seus baluartes, Pitu”. Para Quico Otero a clave de que os tres puntos queden en Burela radicará “en realizar boas coberturas e en evitar que o Soto teña pegada desde antes dos 15 metros”, un equipo, que mantén o bloque de 2012-13 con tan só dúas caras novas, Ana de la Chica e Clara Rodríguez.
O conxunto sotorrealeño partirá cara á Mariña esta noite. Iván Igea convocou para a cita a Anita, Marlasca, Martica, Anilla, Clara, Patry, Chili, Jiménez, Senis e Coral. Serán baixas Elena e Pitu, por lesión, e Tayra por motivos persoais.