Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG apoia as mobilizacións en Cervo contra o decreto de comedores por representar un novo ataque do PP á igualdade de oportunidades no acceso ao ensino público

Cervo, 20 de setembro de 2013. O BNG de Cervo apoia as mobilizacións convocadas por nais e pais do alumnado do CEIP de Cervo contra o Decreto de Comedores aprobado pola Xunta de Galiza e que, tal como se prevía, está a provocar un inicio de curso conflitivo en todo o país. Os nacionalistas aseguran que comparten as demandas da ANPA xa que a nova regulamentación de comedores pon en tea de xuízo a igualdade de oportunidades, vulnera o dereito á educación e o deber de estar escolarizado, elimina o dereito ao comedor escolar gratuíto para o alumnado transportado, non cumpre a función compensatoria, nin moito menos social, e penaliza a poboación do medio rural.

O decreto de comedores á un ataque á igualdade de oportunidades e un paso mais no abandono da poboación do medio rural
Para o portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa García, as demandas que levan á ANPA de Cervo a mobilizarse son xustas e procedentes xa que a Consellaría de Educación, neste tema e noutros, camiña en sentido contrario ás necesidades da poboación poñendo cada vez mais dificultades no acceso á educación. O nacionalista criticou que este decreto ademais de ser unha lousa que dificultará a moitas familias o acceso ao servizo por motivos económicos, crea desigualdades ás familias do rural que viven mais lonxe do centro de ensino ao non recibir o estímulo da administración, senón xusto o contrario.

O goberno municipal desenténdese do apoio á educación pública xusto cando mais se precisa
Os nacionalistas lembran que o Partido Popular coa súa maioría absoluta impediu en maio deste ano que prosperara unha iniciativa no pleno de Cervo para rexeitar este decreto e negouse en reiteradas ocasións a recuperar o sistema de préstamo de libros en Cervo que funcionou con éxito durante anos no concello de Cervo co apoio da administración local.

As medidas aprobadas polo PP contra o ensino público son de contido ideolóxico, non por razóns económicas.
Este Decreto, xa no seu período de elaboración contou co rexeitamento do Consello Escolar de Galiza e da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, ademais de todas as forzas sindicais e de oposición no arco parlamentario galego. Estúa afirmou que “isto é un recorte ideolóxico e non é problema económico xa que ao tempo que dende Educación se fan recortes no ensino público hai unha aposta permanente polo privado e relixioso subvencionando con mais de tres millóns de euros a centros que segregan alumnado por razón de xénero ou 240 millóns ao ensino privado concertado”.

Exit mobile version