Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña amosa o seu rexeitamento á reforma das pensións proposta polo goberno do Estado

A Mariña, 19 de setembro de 2013. A responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego na Mariña, Ana Ermida, amosou o seu rexeitamento respecto á reforma do sistema de pensións que vén de presentar o Goberno do Estado por consideralo “un roubo a todos os pensionistas que traballaron toda unha vida, un roubo que os populares tentan disfrazar de medida de aforro, cando non é máis que un novo tesourazo que afecta a un dos sectores de poboación que máis está a sentir a crise”.

Para os nacionalistas, a implantación desta reforma sería especialmente negativa para a provincia de Lugo, e máis concretamente para a comarca da Mariña, dado o alto grado de avellentamento da súa poboación. Así, na provincia de Lugo, a día de hoxe, o colectivo de persoas maiores representa preto dun 35% da poboación, de maneira que arredor de 120.000 pensionistas se verían afectados pola reforma. No caso da comarca da Mariña serían preto de 19.000 os afectados, máis dun 25% da poboación total.

De levarse a cabo esta reforma, a pensión media mensual dos lucenses, que se sitúa arredor dos 620 euros, por debaixo da media estatal, veríase gravemente reducida, menguando, novamente, o poder adquisitivo de todos os pensionistas da provincia. Neste sentido, Ana Ermida acusa aos populares de “atacar a un dos colectivos máis vulnerábeis da sociedade, que desde a chegada dos populares ao poder vén vendo mermado o seu poder adquisitivo, con medidas como os recortes en sanidade, o copago farmacéutico, e agora co recorte das pensións”.

Os populares insisten na súa política de recortes, entendéndoos, neste caso, como unha solución de cara a sostibilidade do sistema público de pensións. “Desde o BNG dicimos non, non a máis recortes e máis abusos sobre os cidadáns. A solución está na creación de emprego, cantos máis postos de traballo se xeren, incrementaranse os cotizantes e veranse reducidas as cifras de desemprego, o que repercutirá directamente en forma de beneficios para o sistema público e para a sociedade”, concluíu a responsábel comarcal.

Exit mobile version