Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros esíxelle ao alcalde que aclare a súa relación coas persoas encausadas por un presunto delito nun empadroamento

Barreiros, 21 de setembro de 2013. O BNG de Barreiros esixe por escrito e a través do rexistro municipal toda a documentación relativa ao empadroamento dunha anciá discapacitada por parte de dúas persoas para as que o fiscal solicita 6 anos de prisión pola comisión dun presunto delito.

Do mesmo xeito, os nacionalistas solicitan unha relación dos empadroamentos efectuados no concello ao longo de todo o 2007 así como unha aclaración do procedemento seguido, co fin de poder saber como é posible que se empadroen persoas no concello sen que esas mesmas persoas sexan conscientes diso.

O BNG pedirá tamén que se lle facilite o acceso a todos os contratos de obra e/ou de servizos asinados entre Alfonso Fuente e M.J.L.V (unha das persoas encausadas) ou entre Alfonso Fuente e as empresas nas que M.J.L.V ten parte, desde o ano 2007 até hoxe.

O BNG levará todos estes asuntos ao próximo pleno ordinario a celebrar pola corporación barreirense o próximo 30 de setembro. “A situación é o suficientemente preocupante, polo que é necesario que por parte do alcalde se explique xa dunha vez todo o acontecido” afirman desde a formación frontista.

Para os nacionalistas, son moitas cousas as que quedan agochadas e silenciadas nos 8 últimos anos no Concello de Barreiros, curiosamente nos 8 anos que Alfonso Fuente leva á fronte do goberno municipal, 8 anos de irregularidades, onde o Partido Popular puxo o nome de Barreiros en sospeita permanentemente. “8 anos de mandato de Alfonso Fuente nos que a eficiencia e a transparencia brillaron pola súa ausencia”, din desde o BNG. “A eficiencia e a transparencia non se consigue só con aplicación informáticas” ironizan tamén os nacionalistas.

Desde o BNG urxen a aclaración de todos estes feitos que se produciron en pleno boom urbanístico no concello de Barreiros. A relación entre os encausados e o Alcalde era pública e notoria non só pola actividade profesional desenvolvida por estas dúas persoas dedicadas á promoción inmobiliaria e compraventa de terreos, senón tamén pola defensa a ultranza que as mesmas fixeron en plena campaña das municipais de 2007 da desastrosa xestión urbanística do PP no concello. Ademais M.C.F.M, (outra das persoas encausadas), veciña de Barreiros en cuxo domicilio se empadroou a anciá discapacitada, presidiu a plataforma Bítere que se caracterizou sempre por trasladar a mensaxe do Partido Popular a respecto da política urbanística en Barreiros.

Exit mobile version