Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo convida ás familias dos represaliados pola ditadura acudir ao Pleno do xoves onde o BNG pedirá a restitución moral e institucional das máis de 60 persoas perseguidas polas súas ideas durante o franquismo

Cervo, 24 de setembro de 2013. O pleno do Concello de Cervo debaterá este xoves a partir das 20:00 h unha iniciativa do BNG que pretende restituír a memoria daquelas persoas, oriúndas e veciñas do concello que sufriron a represión após o golpe de estado franquista do 36. Os nacionalistas convidan aos seus familiares a acudir á sesión plenaria que debaterá no punto noveno que se restitúa a memoria das 65 persoas represaliadas polo franquismo durante e despois do alzamento militar do 18 de xullo de 1936 e pedirá a destitución do alcalde de Baralla dos seus cargos por facer apoloxía do franquismo.

Para o BNG de Cervo “ E hora de facer xustiza con todas as vítimas do franquismo, de restaurar a memoria dos que deron a súa vida por unha sociedade máis xusta, dos que se entregaron a unha loita por un mundo de iguais, daqueles que fixeron posíbel o proxecto da II República, no que tivo de avanzo na igualdade social, na defensa dos servizos públicos, hoxe máis unha vez cuestionados, e de avance nunha articulación plurinacional do Estado. Chegou a hora de que restituamos moral e tamén institucionalmente aos veciños e veciñas de Cervo que sufriron o franquismo, como propoñemos na moción porque só desde a memoria é posíbel construír unha sociedade democrática”, afirmou Estúa.

Xa por último Estúa afirmou que “para nos a memoria, o recoñecemento e o exemplo das vítimas do franquismo é un actuar diario. Memoria que está sempre con nos, porque é un patrimonio de dignidade, de cultura cívica e tamén de aspiración a unha outra sociedade máis libre e merecente de considerarse democrática. Recoñecemento que é recuperación e restitución das súas figuras, pago da débeda que a sociedade actual ten contraída con eles por aspirar a un modelo social que xire arredor do triangulo da xustiza, da igualdade e dun modelo político no que o pobo sexa realmente que máis ordene. É exemplo, exemplo do que a barbarie e o terror non quixo que fósemos, exemplo dun patrón de comportamento ético e comprometido coas maiorías sociais, exemplo a fin da forza das ideas, cando por ideas se morría e das ideas non se vivía, exemplo a fin do que nos aspiramos volver a ser”.

Exit mobile version