Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz cualifica de irresponsable ao PP por deixar as praias sen socorristas en setembro

Foz, 5 de setembro de 2013.- O BNG de Foz manifesta, a través do seu portavoz municipal, Xan Carlos González Basanta, o seu desacordo coa decisión de eliminar os servizos de vixilancia e de asistencia médica nas praias do Concello durante o mes de setembro e lamenta que ditos servizos non se alonguen alomenos ata mediados deste mes.

Este ano é a primeira vez que en Foz non hai durante o mes de setembro vixilancia nas praias, coincidindo coa política de recortes que o PP está facendo en todos estes servizos tan importantes para a seguridade e a vida das persoas.

O certo é que desde que goberna o PP pasamos de ter 20 socorristas en Foz a ter 16 socorristas, de ter cuberto un horario de 8 horas de vixilancia continuada das praias a só 7 horas e de ter os socorristas do 1 de xullo ao 15 de setembro a telos desde o 1 de xullo ao 31 de agosto, é dicir, quince días menos. Este días estamos vendo como as praias do noso Concello aínda están cheas de xente debido ao bo tempo que normalmente hai durante este mes e porque tamén aínda acode moita rapazada ao non ter comezado o curso escolar. Ademais o mar durante este mes está máis perigoso por ser mareas máis grandes e por estar máis embravecido.

Todos estes recortes nos servizos de vixilancia parécenos unha irresponsabilidade posto que estamos a falar dun servizo de seguridade para as persoas e de prevención de posibles accidentes no mar que despois non haxa que lamentar.

Por estes motivos, moita xente pensa coma o BNG e non entende como non se cubriu o servizo 15 días máis. Incluso vemos como noutros concellos están poñendo medios e vixiando durante algún día da semana os areais máis frecuentados, cousa que en Foz non ocorre. Desde logo, o BNG non poría en perigo a seguridade das persoas por aforrar uns cantos euros que ven se poderían ter aforrado nos múltiples farois que desde hai tempo están iluminando a plena luz do día ou en algún que outro gasto totalmente prescindible.

Xan Carlos González Basanta
Portavoz municipal do BNG

Exit mobile version