Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz presenta unha moción para que a residencia e o centro de día comece a funcionar no 2015

Foz a 20 de setembro de 2013.-O BNG de Foz presentou unha moción para aprobar en pleno para instar á Xunta de Galiza a rematar a construción da Residencia e do Centro de Día no 2015, para que se amplíen as prazas e para que a xestión sexa totalmente pública.

O PP discrimina a Foz, coma sempre
A Xunta de Galiza, gobernada polo PP, desde o ano 2009 non fixo máis que demorar a posta en marcha da Residencia de Foz a pesar de ser unha necesidade perentoria. Primeiro, tardando un ano en elaborar un “estudo de viabilidade” (de dous folios) que non se lle esixiu a ningunha outra localidade da Mariña. A continuación, tardouse outro ano en elaborar un anteproxecto urbanístico que se presentou nos medios de comunicación no mes de outubro do ano pasado. E finalmente outro ano en realizar o proxecto definitivo que parece ser será presentado antes de finalizar este ano. Foz é ao día de hoxe o único concello da Mariña que non conta con Centro de Día nin con unha Residencia públicas. Incluso poboacións da comarca da Mariña con menos peso poboacional contan actualmente con Centro de Día e/ou Residencia a pesar de tramitarse a súa solicitude con posterioridade á de Foz.

Tirón de orellas á conselleira Beatriz Mato
Desde o BNG temos que dar un tirón de orellas á conselleira Beatriz Mato pois a Corporación Municipal en pleno e por unanimidade solicitoulle en varias ocasións unha reunión á que aínda nin sequera respondeu, dando mostras dunha falta de respecto institucional intolerable. E isto cando para asuntos similares se ten reunido con outras organizacións sociais e representacións municipais doutros concellos.

Os compromisos por escrito e con acompañamento orzamentario
Para o BNG o compromiso da Consellería de Benestar de orzamentar 500.000 euros no próximo ano resulta insuficiente se realmente se pensa rematar a obra no horizonte do 2015 como o PP de Foz e a Xunta prometeron reiteradamente. Hai que darse conta que estamos a falar dun custe total da obra que se aproxima aos 3.000.000 de euros polo que a partida do 2014 só representa a sexta parte do total.
Por este motivo na moción instase ao Goberno Galego da Xunta de Galiza a incluír unha partida nos Orzamentos autonómicos do 2014 suficiente para que se garanta o inicio das obras nesa anualidade e o seu remate no ano 2015.

Máis prazas que as proxectadas polo PP
Para o BNG as prazas que o PP ten pensado ofertar serían insuficientes porque o Concello de Foz é o terceiro en número de poboación da Mariña. O edificio está proxectado só para 40 prazas na Residencia e 40 prazas no Centro de Día cando inicialmente sempre se falou de alomenos 120 prazas, entre Residencia e Centro de Día. No Concello de Foz estaban censados máis 2.300 maiores de 64 anos no ano 2011. Esta cifra supón case o número total de habitantes de poboacións que contan xa cun Centro de Día para 30 usuarios como Vilanova de Lourenzá ou máis da metade da poboación de localidades nas que a Xunta do PP vai abrir residencias con centro de día para 78 persoas como o caso de Cervo. Por este motivo, o BNG insta á Xunta de Galiza que a capacidade da Residencia de Terceira Idade de Foz sexa maior das 40 prazas previstas e que ronden ás 80 prazas e dotada dun Centro de Día para 50 prazas como sempre se defendeu desde o Concello.

Non á xestión privada da Residencia
Por outro lado, O BNG de Foz está en contra de que a xestión sexa privada e por iso insta á Xunta de Galiza para que a xestión do Centro Residencial de Día sexa totalmente pública pois é a garantía de transparencia na xestión, de igualdade e xustiza á hora de acceder ás prazas, e por asegurar un servizo de calidade para os nosos maiores.

Exit mobile version