O vicepresidente da Deputación e deputado provincial do BNG, Antonio Veiga, afirmou que “no Bloque Nacionalista Galego non somos partidarios de xudicializar a política, mais non podemos permitir que o Partido Popular siga a converter as mentira e as calumnias no eixo central da súa maneira de facer política de xeito impune”.
Tal e como explicou Antonio Veiga “o Partido Popular sabe e é consciente de que a trama de asesores que se empeña en denunciar non existe, como xa se demostrou con informes do servizo de Recursos Humanos da Deputación e coa Relación de Postos de Traballo da mesma institución. A pesar deses documentos, dos que teñen coñecemento e que incluso se mostraron no último pleno, o Partido Popular segue a mentir e non imos tolerar que nos impute delitos que non existen. Non só me está imputando delitos a min senón que tamén llos está imputando a unha institución como é a Deputación Provincial, un organismo público que ademais, segundo estudos independentes sobre transparencia, é unha das institucións provinciais de todo o Estado máis transparentes na súa xestión.
“Non deixa de ser sorprendente e incluso traxicómico que o Partido Popular se presente como valedor e garante dos recursos públicos cando é a formación dos sobres de Bárcenas. É obvio que o PP non está lexitimado para dar leccións de ética a ninguén cando aínda non son capaces Feijoo nin Barreiro as contas e os donativos ao seu partido recollidos nos papeis de Bárcenas” – afirmou Veiga.
“Desde o Bloque Nacionalista Galego –remarcou Veiga- seguimos insistindo no que xa demostramos varias veces, en que os asesores do BNG nunca cobraron da Deputación sempre estiveron e están adscritos ao Grupo Provincial nacionalista, non á ningunha área dependente do BNG. Todos os traballadores aos que se refiren os populares nunca cobraron dos fondos da Deputación, senón que cobraron e cobran dos fondos asignados ao Grupo Provincial do BNG”.
Por último, Veiga afirmou que “visto que o Partido Popular non rectificou as súas acusacións e insiste en mentir para ter protagonismo, véxome na obriga de presentar esta denuncia ante o Ministerio Fiscal”.