Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo convida a todos os ribadenses a participaren da manifestación do 15-S en Compostela para dicir basta xa ás políticas do PP

O Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo desenvolveu hoxe pola mañá un reparto de voandeiras en Ribadeo, tal e como se está a facer no resto dos concellos da comarca, para convidar a todos os veciños e a todas as veciñas ribadenses a participaren na manifestación do vindeiro domingo, 15 de setembro, en Santiago de Compostela, para lle exixir ao Partido Popular que mude as súas políticas que destrúen emprego, fechan empresas, crean pobreza e desigualdades sociais e rematan co benestar dos cidadáns.

Sobran razóns para unha contundente e ampla contestación social na rúa. O noso país leva seis anos de recortes que o levaron a unha situación límite para a que o Partido Popular non ten solución. Os populares, tanto en Galiza como no resto do Estado, non teñen un proxecto de recuperación económica e social e como consecuencia só saben facer política de tesoiras, a política de seguir recortando e desmantelando os servizos públicos. Cada vez máis persoas teñen problemas para atender necesidades básicas como vivenda ou alimentación, mais o Partido Popular segue subindo impostos e aprobando copagos. Saiamos este domingo á rúa a dicir basta xa aos recortes na educación, na sanidade e nas prestacións sociais cando máis necesitamos destes servizos.

Desde o BNG insisten na importancia da mobilización masiva “para que os populares se decaten de que a maioría social está na súa contra e non aproba o seu xeito de gobernar. Todos os que queiran un cambio a mellor neste país, con independencia das súas sensibilidades políticas, e non queiran ser gobernados por un partido corrupto que mentres os seus dirixentes piden sacrificios ao pobo estes cobran sobresoldos en negro”.

O responsábel local do BNG en Ribadeo informou no reparto de que haberá autobuses dispoñíbeis para todos e todas as que queiran achegarse a Santiago de Compostela e que poderán reservar praza e informarse dos puntos de saída no teléfono: 982.140.654.

Exit mobile version