Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro renovou o seu consello local e elixiu por unanimidade a Bernardo Fraga como responsable local

Viveiro, 17 de setembro de 2013. Na tarde de onte a asemblea local do BNG de Viveiro reuniuse para proceder á renovación dos seus organismos de dirección local, saíndo elixido un novo e renovado Consello Local da formación nacionalista na localidade.

Tras o procedemento aberto para a renovación dos organismos, a única candidatura presentada foi a encabezada polo tamén portavoz municipal, Bernardo Fraga. A súa elección como responsábel local, e a do resto de candidatura para o consello local, foi apoiada pola totalidade das e dos militantes reunidos na asemblea local.

O novo Consello Local está formado por nove persoas, que conxugan a experiencia coa renovación, seguindo así co proceso de renovación dos organismos que se ten levado a cabo na formación frontista.

Ademais do propio Bernardo Fraga encabezando a candidatura, conformarán o Consello Local os tamén concelleiros, Manolo Galdo e Olaia Casas; Óscar Lara Gil (enxeñeiro químico e traballador de Alcoa); Susana López Hermida (Mestra de primaria); Belén Gonzalez Martínez (Responsable Técnica de Calidade de Puerto de Celeiro); Alfredo Navarro Palmeiro (traballador de Alcoa); Melania Vilar Casabella (Empregada da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural); Ramón Vizoso Hermida (autónomo), e como suplentes Fernando Paz Rodríguez (traballador de Alcoa) e Montserrat Ramil González (Empregada en clínica dental.)

O recén eleito Consello Local marcou como obxectivos xenéricos “a ampliación da base social do BNG en Viveiro, así como a intensificación do traballo do grupo municipal continuando na defensa dos intereses xerais das veciñas e veciños de Viveiro.”

Para o BNG de Viveiro “é fundamental dar resposta, tamén desde o ámbito máis próximo ás persoas, ás políticas de recortes e de ataque aos dereitos da maioría social que están levando a cabo os distintos gobernos.” Nese sentido, os nacionalistas aseguran que “o BNG seguirá traballando na defensa dunha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis democrática tamén desde Viveiro.”

Bernardo Fraga, declarou na xornada de onte, “a difícil situación política e económica de Viveiro, require de propostas e alternativas que o goberno municipal a día de hoxe non é capaz de ofrecer. O BNG ten un proxecto para Viveiro e seguiremos traballando para mellorar o futuro do noso Concello”.

Exit mobile version