Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG mobiliza arredor de 200 mariñaos pola paz e contra o imperialismo

concentracion paz siriaA Mariña, 2 de Setembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña valorou positivamente a concentración convocada este luns, ás 20:30 horas, diante do Concello de Foz, co obxectivo de presionar a Estados Unidos para que desista da súa intención de utilizar a forza contra o pobo sirio e pór así fin ao que os nacionalistas consideramos “unha nova aventura imperialista que lonxe de buscar a restauración da democracia só pretende gañar para Estados Unidos máis recursos naturais. As preto de 200 persoas que participamos do acto de Foz estamos coa nosa presenza aquí obrigando ao Goberno de Obama e o capitalismo mundial a mudar de postura, mesmamente o acontecido no Reino Unido ou as dúbidas de Obama evidencian que a presión dos pobos do mundo poden parar ao imperio”.

O vicepresidente da deputación Antonio Veiga, que deu lectura ao manifesto, afirmou que “non hai ningunha razón que xustifique o uso da forza contra Siria agás a mentira da que está a facer uso o Goberno de Obama insistindo na existencia de armas químicas cando, até o de agora, os inspectores de Nacións Unidas non confirmaron a súa existencia. Xa temos asistido á fabricación de mentiras para xustificar unha intervención militar, como foi no caso de Irak, e que constituíron un engano masivo a opinión pública sobre a existencia de armas de destrución masiva que nunca apareceron”. Para os nacionalistas, “o Goberno estadounidense está a actuar ao estilo Bush; propondo unha agresión imperialista, totalmente ilegal e contraria ao dereito internacional. Non conta co beneplácito do Consello de Seguranza das Nacións Unidas nin ten o prace de ningún organismo internacional. Ademais, Estados Unidos non ten lexitimidade moral nin política para empregar a forza contra Siria; os argumentos que utiliza en defensa da democracia non son válidos, xa que ten acudido a eles para impor gobernos ditatoriais”.

O Bloque Nacionalista Galego amósase convencido de que esta intervención militar só se poderá parar coa presión do pobo, quen reclama unha saída pacífica a este conflito con Oriente Medio; conflito que ameaza ao conxunto da rexión e marca como obxectivo unha futura agresión contra Irán e, por conseguinte, apropiarse dos seus recursos petroleiros e continuar co cerco a países como Rusia e China. “Non é unha guerra contra Siria, se ben o pobo Siria remata por converterse en vítima” afirmou Veiga que continuou indicando que “a agresión a Siria é o primeiro capitulo dunha Terceira Guerra Mundial coa que o imperialismo tenta saír desta súa grande crise económica e que pasa por destruír após BRICS e aos Estados emerxentes e onde xoga un papel central iniciar os preparativos do ataque contra Rusia e Siria a través de Irán. En Siria xogámonos algo máis que a paz no extremo oriente, xogámonos a paz no mundo e na loita pola paz o nacionalismo galego segue na vangarda fronte a aqueles falsos hipócritas que a par que condenan o terrorismo, practícano a nivel internacional violentando as normas do dereito internacional”.

Xa por último Veiga fixo un chamamento a todos mariñáns para que se manifesten en contra desta intervención militar, unha mobilización que se celebrou sobre o lema de “Son tempos de paz, paremos a guerra imperialista”, a par que lembrou que “o recurso a forza e a guerra é o instrumento que utiliza o capital para saír das súas crises cíclicas. Non estamos dispostos a que as clases populares e os pobos do mundo poñan os mortos para que os grandes capitalistas aumenten os seus beneficios e para que os estados imperialistas acentúen o espolio e a rapiña contra os pobos do mundo”.

Exit mobile version