O Burela FS Pescados Rubén conquistou o I Trofeo Vila de Cedeira tras derrotar por 2-3 ao Parrulo FS. A escuadra dirixida por Juanlu tivo que aplicarse para remontar un sorprendente 2-0 que os ferroláns lograron por mediación de Jacobo e Isma. Os mariñáns comezaron a desperezarse no tramo final do primeiro período con Matamoros como protagonista. O puñal laranxa recortou diferenzas e estableceu o empate (2-2) ao transformar un dobre penalti ás portas do descanso.
Na continuación, os departamentais mantiveron o seu nivel competitivo pero a súa presenza ofensiva mermaba co paso dos minutos ante o cambio de ritmo imposto polos bureleses. As mellores ocasións eran do Burela pero a escasa eficacia no remate impedía desnivelar a contenda ata que Christian culminou unha excelente combinación para establecer o 2-3 final.
Desafío Star Center
A preparación laranxa continúa o venres 6 en Santiago de Compostela para disputar o Desafío Star Center con tres rivais que verá en liga, Santiago Futsal, Colexios Areas Gran Canaria e H. Llevant Manacor. As semifinais enfrontarán no multiusos Fontes do Sar a mariñáns e baleares (19.00 horas) e despois a composteláns e canarios (21.00); o sábado decidirase o ganador entre os vencedores (20.30 horas), precedido da loita polo terceiro e cuarto posto (18.30 horas).
Ficha técnica
Parrulo FS: Canoli, Pardo, Víctor, Jacobo, Borja –cinco inicial- Isma, Bebeto e Óscar.
Burela FS Pescados Rubén: Alex, Mimi, Iago Míguez, Christian, Jorge –cinco inicial- David, Juanma, Matamoros, Antoñito, Edu, Carlitos e Isma.
Goles:1-0, m.7, Jacobo; 2-0, m.13, Isma; 2-1, m.18, Matamoros; 2-2, m.20, Matamoros; 3-2, m.37, Christian.